Diario libertario de lugo e galaxia

Hambacher Forst [Defensa da terra en Alemaña]

O bosque de Hambasch (Hambascher Forst, en alemán) é un bosque preto da cidade alemá de Colonia, e que se atopa dentro dos plans de construción (ou mellor dito, de destrución) dunha empresa chamada RWE, a cal pretende converter a superficie do bosque nun xigantesco buraco, ao establecer alí unha mina ao descuberto de carbón marrón, un dos minerais máis contaminantes e perigosos no seu uso como recursos enerxéticos. A enerxía producida con estas pedreciñas, ademais, nin sequera irá destinada a fornecer de electricidade a fogares particulares, senón que se dirixirá principalmente á gran industria da zona, vencellada á fabricación e exportación de armas. É dicir, que a industria armamentística que produce os instrumentos que logo exércitos de todo o mundo utilizarán para os seus xenocidios, non contenta con provocar a expropiación e desafiuzamento das vivendas ás persoas que viven en vilas da zona e que se ven forzadas a aceptaren un realoxo nas grandes metrópoles ou en cidades máis pequenas, pero nas que calquera proxecto de autoxestión e de vida como a que levaron ata agora resulta practicamente imposible, tamén está disposta a causar un deterioro aínda máis importante e grave, é dicir, a devastación dun enésimo paraxe natural de incalculable valor e beleza, aínda que iso implique a contaminación do aire e os acuíferos, a esterilidade irreversible de todos os terreos ou a masacre da biodiversidade acabando coa flora e a fauna da zona.

En resposta a esta catástrofe aparentemente inminente, grupos de activistas recolleron a testemuña doutros exemplos de resistencia anteriores no bosque, e okuparon varias áreas do mesmo construíndo campamentos onde entre tendas de campaña e cabanas nas árbores constrúen e experimentan aquí e agora unha forma distinta de vivir, de relacionarse e de enfrontarse ás imposicións dun sistema asasino e delirante que se empeña en converter en mercadoría ou en eliminar todo o que atopa ao seu paso, toleado pola insaciable sede de beneficios e sen mostrar o menor respecto pola vida.

Este documental, realizado de forma autoxestionada polas propias persoas que participan desta loita, foi producido en 2013, antes de que outro desafiuzamento acabase outra vez con parte da acampada, feito que foi respondido con diferentes accións de bloqueo e sabotaxe, así como tamén con novas okupacións. Nel, podemos ver ás activistas relatándonos por que se mobilizan, por que foron vivir ao bosque, por que non poden tolerar que RWE complete os seus plans, e cales son os seus sentimentos, os seus soños, as súas esperanzas e as súas miserias. Unha viaxe ao corazón dunha comunidade de individualidades que coa forza dos seus esforzos e colectivizando a súa creatividade deron un paso adiante e se deron conta de que é posible conspirar e loitar máis aló do formigón e as ruínas que este mundo infecto deixa ao seu paso.

Pola liberación da Terra, polo fin das agresións á contorna e á devastación tecnoindustrial, sexa desde a cidade ou desde os bosques, acción directa e autoorganización!