Diario libertario de lugo e galaxia

Boicot situacionista a Lacan

"Pensamos que hai que cambiar o mundo. Queremos o cambio máis liberador posible da sociedade e da vida na que nos achamos. Sabemos que este cambio é posíbel mediante as accións apropiadas". Así comeza o Informe sobre a construción de situacións e sobre as condicións da organización e a acción da tendencia situacionista internacional, elaborado por Guy Debord.

A crítica da cultura moderna como espectáculo, tal e como aparece reflectida no vídeo, é un dos brancos sobre os que Debord acerta coa súa afiada intelixencia. A este respecto, o autor engade que a cultura -complexo da estética, dos sentimentos e costumes- é o medio polo cal a clase dominante propaga a confusión entre a masa de espectadores. Para elo, sérvese de procedementos contra- revolucionarios como a anexión parcial dos novos valores, así como dunha produción deliberadamente anti- cultural apoiada nos medios da gran industria (novela, cine), consecuencia natural do embrutecemento da xuventude nas escolas e na familia. A ideoloxía dominante, prosigue Debord, organiza a banalización dos achados subversivos e difúndeas amplamente unha vez esterilizadas. Incluso consegue servirse dos individuos subversivos: mortos polo falseamento da súa obra e vivos grazas a confusión ideolóxica xeral, drogados cunha das místicas coas que comercia.

Coa reflexión anterior, Debord parecía predicir o seu descarnado epitafio. Quince anos despois do seu falecemento, a ministra francesa de cultura declarou a Debord: "Tesouro Nacional", convertendo en banal unha mensaxe que, durante o maio do 68, alentara a milleiros de estudantes a se mobilizaren en París en contra dunha vida alienada e do totalitarismo mercantil. No entanto, sen caer en mistificacións, é mester resaltar que foi a propia condición abstracta e subxectiva do ideario situacionista, a que facilitou unha fagocitación tan presurosa por parte do sistema. Este aspecto, xunto coa evidente desconexión co mundo obreiro, arrastrou ao movemento cara unha caída ao baleiro de algarabías contra a sociedade espectacular- mercantil, pois estas non foron proclamadas na práctica por quen tiña tal misión, os consellos obreiros.

Non obstante, tamén hai que recoñecer as numerosas achegas que o situacionismo realizou ao pensamento crítico, recoñecémolas e en boa medida recoñecémonos a nós mesmos como herdeiros dalgunhas delas. Para empezar, os situacionistas romperon con toda a ortodoxia "revolucionaria", mostraron unha fermosa aversión polos partidos comunistas e o réxime soviético, descualificaron o rol do militante como individuo escindido do real, retomaron a idea da loita de clases no seo dos países occidentais e levaron a cabo incursións teóricas de relevancia nos ámbitos da comunicación, a cultura e o urbanismo.

Información crítica complementaria:

- Crítica de la internacional situacionista. Jean Barrot.

Fabbri