Diario libertario de lugo e galaxia

Tempo de revolución

11/04/2014
16:24

a

Que é a revolución? Cal é o papel dos anarquistas? Estas preguntas volveron ser de actualidade ante unha crise económica que se está a revitalizar constantemente, demostrando a incapacidade do modo de produción capitalista para satisfacer as necesidades das grandes masas populares do planeta, provocando pola contra unha crecente acumulación de riqueza nun polo da pirámide social, o vértice, e unha crecente miseria moral e material no outro polo, a base, o máis numeroso.

As políticas desenvolvidas polos diferentes gobernos están dirixidas exclusivamente a acentuar este proceso, coa represión de toda forma de protesta e con exiguas esmolas alí onde a represión non é suficiente.

A sociedade do "benestar" afastara no tempo á revolución, nun pasado violento e autoritario, ou nun futuro do que apenas se enxergaban as formas. A revolución era sobre todo unha experiencia interior, tendente a liberar a conciencia do individuo de todos os sesgos autoritarios; era unha experiencia de transformación cotiá, máis alá das lóxicas individualistas e mercantís. Pero ese tempo pasou; a sociedade do benestar afundiuse baixo as políticas económicas da oferta, e a revolución volveu formularse con urxencia como solución ao continuo empeoramento da calidade de vida, á crecente desigualdade, á falta de liberdade. Mesmo se esta urxencia aínda non está difundida na conciencia colectiva, a súa ameaza pende dun fío sobre os gobernantes e os privilexiados de todas partes.

É tempo de revolución? A proba do embutido é comelo, di un adagio popular. Se as loitas sectoriais, do mundo do traballo, do protección da biosfera, do antimilitarismo e así sucesivamente, non logran parar este proceso que parece imparábel, haberá que intentar a revolución. Non unha explosión de raiba, unha ou máis revoltas que se extinguen como lume de palla, senón unha acción consciente tendente á transformación radical do existente, que saiba basearse nas forzas sociais que poden minar o fundamento do poder das clases dominantes para construír unha sociedade máis xusta e máis libre.

Pero para desencadear unha acción consciente, debemos ter unha idea clara dos instrumentos a utilizar. E un destes instrumentos é precisamente a revolución.

Luigi Fabbri escribe Ditadura e revolución en agosto de 1920, é dicir, nun dos momentos álxidos da ondada revolucionaria. Nesta obra, un capítulo enteiro, o décimo, está dedicado ao concepto anarquista de revolución. Dous elementos caracterizan a vertente anarquista, a cuestión do tempo e a cuestión do aspecto práctico; elementos que están estreitamente unidos, porque obviamente a posibilidade de realización dun obxectivo está ligada á rapidez da súa execución, especialmente nas fases desordenadas e convulsas dun período revolucionario.

A revolución, sostén Fabbri, é un movemento xeral a través do que as clases dominadas saen da legalidade e abaten as institucións vixentes e, derrocando definitivamente o ordenamento xurídico, instauran unha orde nova: esta revolución é a conclusión dun movemento precedente, e finaliza coa volta á vida normal, tanto se a vitoria permite á revolución instaurar un novo réxime, coma se a derrota restaura total ou parcialmente o antigo.

A saída da legalidade é o feito que determina o inicio da revolución; antes deste feito pode haber un estado de ánimo revolucionario, unha situación máis ou menos favorábel á revolución, pero mentres a forza estea nas mans do vello poder político, aínda non estalou a revolución: a loita contra o Estado é a condición sine qua non da revolución.

Estes conceptos básicos evocan a pasaxe do Programa Anárquico no que se afirma: "A rebelión vitoriosa é o feito máis eficaz para a emancipación popular, posto que o pobo, sacudido xa o xugo, queda libre de darse a si mesmo aquelas institucións que cree mellores, e o tempo que media entre a lei, sempre con atraso, e o grao de civilización a que chegou a masa de poboación, se cruzan dun salto. A rebelión determina a revolución, é dicir, a actuación rápida das forzas latentes acumuladas durante a precedente evolución".

Polo que a revolución é unha solución de continuidade, un evento singular, unha catástrofe, por usar un concepto matemático, na evolución da sociedade; existe un antes e un despois, e todo o que sucedeu antes, por moi incisivo que fose, ten un valor só para despois, para a construción da nova sociedade. Para realizar unha sociedade baseada efectivamente sobre a igualdade e sobre a liberdade é necesario que, como afirma Fabbri, o pobo salte ao foso e rompa coas ataduras económicas, políticas e culturais que hoxe o manteñen escravo. Por canto hoxe sexa posíbel construír eidos de experimentación da nova sociedade, por canto se poida reforzar o movemento dos traballadores e as súas organizacións, por canto poida mellorar as condicións dos desposuídos, ata que a forza volva ao Estado, estas conquistas danse sempre á marxe das clases dominantes. O uso que gobernos e capitalistas fan da crise económica é a demostración deste concepto.

O tempo tamén ten o seu efecto no aspecto práctico da revolución. A formación económica e social que xurdirá da revolución será o resultante da libre explicación das forzas populares no seu seo. O movemento anarquista identifica na propiedade privada dos medios de produción e distribución, concentrados nas mans dos capitalistas e dos gobernos, a causa da explotación das clases traballadoras, e nesta explotación a causa da miseria material e moral crecente en que vive quen ten que vender a súa propia forza de traballo. Por iso, a próxima revolución deberá ter un punto de forza na expropiación, na abolición da propiedade privada dos medios de produción e de distribución, e no sometemento aos produtores reais.

É necesario que en cada cidade, como no campo, unha vez vencida a resistencia do poder político, os proletarios se apoderen inmediatamente da propiedade de bens raíces, o industrial, a bancaria, e a xestiónen a beneficio de todas. Para este obxectivo non faltan por certo os instrumentos -grupos locais, sindicatos, comités- e poden constituírse outros, como os consellos obreiros; non hai que esquecer a propaganda polo exemplo que poden desenvolver as experimentacións autoxestionarias, nin o papel que deben desenvolver tamén os organismos, expresións de loitas sobre o terreo necesarios para contrapesar o perigo dunha "sociedade de produtores", que podería manter con vida mitos e métodos do capitalismo.

Esta é a experiencia das grandes revolucións pasadas. Canto foi realizado en Rusia polos soviets é o resultado da acción espontánea das masas, baixo o pulo dos anarquistas que, únicos entre os partidos revolucionarios, tiñan un programa revolucionario práctico que non se limitaba á conquista do poder.

Por iso a importancia do adverbio "inmediatamente"; o tempo da fractura política e da expropiación revolucionaria deben coincidir, porque a insurrección pode vencer a resistencia armada dunha clase economicamente máis forte, pero para non ser abatida é necesario que os traballadores cambien as condicións económicas, para así determinar a eliminación definitiva dos elementos burgueses que quixeran levantar cabeza. Por iso é necesario arrebatar a propiedade á burguesía dende o primeiro momento. Karl Radek, un dos dirixentes da Terceira Internacional, sostiña que "a ditadura é a forma de dominio na que unha clase dita sen contemplacións a súa vontade ás outras clases". Os anarquistas pensan que os proletarios non teñen necesidade de ditadura para actuar sen impedimentos na confrontación coa burguesía; os anarquistas sosteñen que o mellor modo de actuar sen problemas é proceder á expropiación dos capitalistas dende o primeiro momento, por medio da acción directa e da autoorganización. Esperar a formación dun goberno, esperar os decretos do goberno, esperar a aplicación dos decretos do goberno significaría deixar á burguesía tempo para reorganizarse e, finalmente, o "goberno obreiro" estaría obrigado a tratar con este poder económico. A xente ten necesidade de comer, de vivir dende o primeiro día despois da revolución, por iso ou o fai con métodos novos, ou o fai aínda a través do mercado, a moeda, a propiedade privada e, en consecuencia, co Estado.

O anarquismo é un modo de participación activa no movemento de emancipación, a parte máis importante do seu programa é a concepción libertaria da revolución, da revolución contra o Estado; os tempos de crise fan que estes temas volvan estar de actualidade.

Tiziano Antonelli 
(Umanità nova)
Xornal Tierra y Libertad, Abril 2014
Sección: