Diario libertario de lugo e galaxia

¿QUE HAI DETRÁS DA OPERACIÓN PANDORA?

17/12/2014
22:35
Se de algo estamos seguros, é de que o Goberno español non pasa polos seus mellores días. Inmerso ata as cellas nun pantano de corrupción e incapaz de resolver, por un lado, a remodelación formulada polo soberanismo e, polo outro, os incitantes problemas económicos, que afogan a sectores cada vez máis amplos da poboación súbdita, teme que a súa falta de credibilidade e a súa impotencia rematen nunha crise de Estado que, ante unha reacción popular que non se limitase a votar, podería ter consecuencias prexudiciais.
 
O Estado estase a endurecer. Como proba, o intento de Interior de crear un ficheiro de persoas arbitrariamente cualificadas de "sospeitosas" e a sanción a unha Lei de Seguridade Cidadá que dá mans libres á policía para reprimir calquera movemento de protesta na rúa. Fronte aos que se propoñen reformalo constitucionalmente, ou mesmo "o democratizar" para salvalo, hai un sector político que pretende acoirazalo con toda clase de medidas represivas. Tras el escóndense a maioría de poderes fácticos con moito que perder na crise. Entroulles pánico e por iso o Estado disponse a dar un golpe de leme; con este obxectivo está a preparar o terreo. Os medios de comunicación foron os primeiros que se entregaron á tarefa, moito antes que a policía e os xuíces. Fai tempo que circulan noticias fantásticas sobre misteriosos viaxeiros internacionais, mensaxeiros da anarquía, así como outras do mesmo cariz alarmista tendentes a criminalizar o único medio opaco ao Poder que existe (escandaloso de por si): as casas ocupas, os ateneos libertarios e os centros autoxestionados.
A mensaxe é clara: ou nós ou o caos. Os estrategos do Poder non cren que os libertarios e ocupas sexan os seus inimigos máis temibles, aínda que teñan en mente o exemplo de Can Vies. Ben ao contrario, para eles son un elo o suficientemente débil como para servir de chibo expiatorio, unha especie de aviso para navegantes. A basta montaxe do xuíz da Audiencia Nacional, Bermúdez, non é unha simple manobra intimidatoria contra eles e os posibles conflitos que poidan suscitarse na defensa do Banc Expropiat de Gracia, ameazado de desaloxo inminente. Non fai falta ler entre liñas. As detencións dunha ducia de mozos, case todos en Barcelona, a vella Rosa de Foc, co pretexto de tres petardos caseiros que estalaron hai dous anos en senllos caixeiros automáticos, actos cualificados ridiculamente de "terrorismo", ou o despregamento de catrocentos "mossos" en torno á Kasa de la Muntanya, son feitos tan incongruentes e desproporcionados que non poden disimular unha intención infame. Xa houbo outros similares non hai moito.
 
Os que manexan os fíos de tan evidentes tramas son uns perturbados inútiles ou simplemente tratan de advertir a outros -á oposición legal- de que se deixen de sermóns, aplaudan a Lei Mordaza e fagan fronte común co Sistema. Pode que as dúas cousas á vez. A provocación aos libertarios, boa xente que non se deixa amedrentar por nada, é o primeiro paso dunha estratexia da tensión que apunta máis lonxe. O Poder trata de alentar algaradas para meter medo á cidadanía televidente. O Estado afrouxa, teme pola súa estabilidade, está ao bordo do ataque de nervios e por iso confía en que uns cantos disturbios menores forxen a unidade do partido da orde. De seguir o exemplo das numerosas mobilizacións de onte en toda a península e, sobre todo, da enorme manifestación en Barcelona, dubidamos que o consigan.
 
Liberdade aos detidos!
 
 
Traducido de: Revista Argelaga, 17 de diciembre de 2014.
Sección: