Diario libertario de lugo e galaxia

A prisión como inverno

24/02/2015
14:45

"Na vida dun prisioneiro, vida gris que transcorre sen paixóns e sen emoción, os mellores elementos atrofíanse rapidamente. Os artesáns que amaban o seu oficio perden a afección ao traballo. A enerxía física é rapidamente morta na prisión. A enerxía corporal desaparece pouco a pouco, e non podo encontrar mellor comparación para o estado do prisioneiro que a da invernada nas rexións polares", explicaba P. Kropotkin.


E segue sendo así. Unha das preguntas que sempre me facía a miña familia e os meus amigos -os cales conservei en todo momento, niso considérome un privilexiado- era: Que facedes en todo o día os presos? Nada. Perder o tempo. O que fagas en prisión depende de ti, das destrezas que xa aprendeses antes, da disciplina mental e corporal que xa traias de fóra. Boa parte do meu tempo en prisión paseina lendo e escribindo. Participei en varios certames literarios -co meu nome e co doutros prisioneiros, para os cales exercía de negro e, se gañabamos co meu texto, nos repartiamos o botín- e cheguei a gañar mesmo un a nivel nacional. Para este había que desprazarse a recoller o premio -que entregaba a directora de Institucións Penitenciarias, que aínda segue hoxe no cargo, Mercedes Gallizo- a outra prisión. Nunca me permitiron facelo. Chegoume unha pluma estilográfica que me entregou o director de prisión en nome da ex maoísta Gallizo. Imaxino que, visto o meu historial -no cárcere de Bonxe, en Lugo, mandáronme ao módulo de insumisos por protestar polas condicións da prisión e replicarlle a un pequeno Hitler que me quería como o seu particular servente-, temían que puidese dicir ou facer algún xesto de protesta na entrega do premio. Se non es adicto a ningunha substancia -en prisión, polo menos en España, a maioría de presos enganchados a algo sédanse con medicamentos legais, conseguidos no mercado negro- o máis sinxelo para que pase o tempo é ver a televisión. Nas prisións onde o permiten hai prisioneiros que apenas abandonan a súa cela e están todo o día co aparato acendido. É un bo sistema de baleirado mental. Tamén tes a posibilidade de facer exercicio: hai horas de ximnasio e horas de patio. É un bo lugar para poñerse en forma, se a túa saúde cho permite.

 

Extraido de: http://revistareplicante.com/la-carcel-sigue-igual/

Sección: