Diario libertario de lugo e galaxia

Por unha nova organización libertaria. Carlos Taibo

24/03/2015
13:38

Creo que nun momento como o presente -e non fago outra cousa que enunciar opinións propias- son moitas as persoas que botan de menos a existencia dunha organización libertaria que, horizontal e transversal, permita reducir moitas das tensións herdadas do pasado e abra o camiño a unha intervención máis sólida na realidade. A urxencia de perfilar esa organización -os seus alicerzes parecen xa sentados- nace, en primeiro termo, dos cambios operados no escenario político-social máis próximo, concretados nunha crecente represión, nunha inquietante desmobilización e no feitizo que partidos, parlamentos e institucións parecen exercer sobre xentes que até fai ben pouco se supoñía estaban noutras posicións. Pero xorde ao tempo dos deberes que se derivan da conciencia do que significan a corrosión terminal do capitalismo e o colapso que se aveciña.

Polo medio revélanse tamén, claro, os efectos da burbulla na que moitas xentes vivimos nos últimos anos, produto da crenza -hoxe sabemos que inxustificada- de que en maio de 2011 se iniciase unha mudanza de ciclo. En virtude dese cambio, separacións, xerarquías e partidos estaban chamados a entrar en irremediábel crise mentres gañaba terreo, pola contra, unha aposta xeral en proveito da autoxestión e a autonomía. Hoxe sabemos que aínda que algo diso agromou ao calor, ante todo, do 15-M, a intensidade do proceso foi moito menor do que anunciaban os nosos desexos.

Aínda que moitas compañeiras suxiren, con criterio respectábel, que hai que encarar de xeito pausado e cauteloso a xestación dunha nova organización, outras pensan, con argumentos nada despreciábeis, que tendo en conta o escenario impóñense, antes, as urxencias. Non parece, con todo, que haxa maiores diverxencias no que se refire aos principios articuladores desa organización: a autoxestión, a democracia e a acción directas, o rexeitamento das xerarquías e dos personalismos, e, en suma, o apoio mutuo (bo nome, por certo, este último, para unha organización futura). Eses principios atenden ao propósito principal de contestar o que significan a seudodemocracia liberal, o Estado -na súa dimensión represora e na que se reflicte da man dunha aparencia protectora- e o capitalismo. E responden á certeza de que, nun escenario marcado por un rexurdir da loita de clases, hai que colocar en primeiro plano, tamén, aos integrantes das xeracións vindeiras e aos das demais especies que nos acompañan na Terra, ás mulleres e a moitos dos habitantes dos países do Sur, nun proxecto indelebelmente marcado pola contestación do desenvolvemento perpetuo, da sociedade patriarcal e do militarismo.

Ao meu entender, nese proxecto deben desempeñar un papel principal as xentes que, sen maior adscripción ideolóxica, demostraron na vida cotiá o seu compromiso coa autoorganización, a autoxestión e a autonomía. Non se trata, de ningún xeito, de marxinar a quen, de seu, se autodescriben como anarquistas ou, de forma máis xeral, como libertarios: trátase de sumar ás súas achegas ás que chegan daqueloutras xentes, e de perfilar unha organización aberta na que, lonxe de dogmatismos e sectarismos, teña máis peso a coherencia das prácticas que o rigor das adhesións doutrinais. A organización en cuestión só terá, polo demais, un inimigo: o sistema que padecemos nos seus moi diversas manifestacións. Ao seu amparo ninguén lle pedirá a ningunha forza anarcosindicalista, a ningún ateneo libertario, a ningún grupo de afinidade, a ningún centro autoxestionado ou a ningún movemento social que se disolva ou que dea un paso atrás. O seu é que, antes ben, a organización que naza supoña un impulso para instancias como as mencionadas.

Parece, por riba, que unha das tarefas principais desa organización consistirá en defender e ampliar os espazos de autonomía autoxestionados, desmercadorizados e, ogallá, despatriarcalizados que viron a luz nos últimos anos, en demostración palmaria do que significa iso que nosas antecesoras chamaban, un século atrás, "propaganda polo feito". No bo entendido, claro, de que semellante aposta deberá completarse cun esforzo encamiñado a coordinar entre si eses espazos e a estimular a súa dimensión de confrontación co sistema.

Esa nova organización non pode ter outro carácter que o confederal. É inimaxinábel que ao seu amparo cobren corpo estruturas directoras de cariz impositivo, como é inimaxinábel que sirva de asento a liberados e profesionais da política. O seu é que mostre, tamén, unha vocación internacionalista e que, de resultas, se desfaga, tamén neste terreo, do imaxinario dos Estados. Un primeiro paso respecto diso, en liña cos moi liviáns que se deron antes de 1936, ben podería consistir en outorgar a esa organización un carácter ibérico, con incorporación ao proxecto dos grupos portugueses que o desexen.

A organización que me ocupa haberá de ter, en fin, unha dimensión simbólica importante: a de recordar que estamos aquí e non somos unha cativa minoría. Pero haberá que traballar, ao tempo, no afortelecemento dunha alternativa que estea disposta cando, os próximos anos, esvaezan -con certeza é o que vai ocorrer- moitas ilusións. Non eludamos os nosos deberes respecto diso.

Carlos Taibo

(17-12-14)

Sección: