Diario libertario de lugo e galaxia

Polaris: nova distribuidora anarquista en Pontevedra

16/08/2014
17:29

Nace unha nova distribuidora anarquista en Pontevedra: Polaris, un proxecto de distribución anticomercial de fanzines, panfletos e outros materiais que son afíns ou transversais á loita antiautoritaria da que forman parte os seus promotores, que se presentan no seu blogue do seguinte xeito:

De que vai isto?

No noso posto na rúa, que montaremos periódicamente, poderás atopar panfletos, fanzines e demáis materiais. O noso obxectivo principal é poñer a disposición de calquer persoa interesada unha serie de documentos tanto autoeditados como tomados doutros proxectos afíns, cuxa difusión, lectura e debate consideramos importante á hora de cuestionarnos a realidade circundante e adquirir a capacidade real de intervir sobre ela.

Por que anarquistas?

Porque non confiamos nas estructuras xerárquicas. Cremos firmemente que a Autoridade é un lastre que limita o noso desenvolvemento persoal e coletivo, suprimindo a nosa autonomía e creando persoas dependentes que non son donas da súa vida, sometidas á vontade e necesidades das altas oligarquías saqueadoras e explotadoras.

Porque cremos que o Estado é o máximo expoñente deste lastre, ferramenta coercitiva por excelencia que actúa de mediadora e se encarga de facer prevalecer os desexos dunha clase propietaria e dominante sobre as necesidades comúns, defendendo os seus intereses mediante leis hipócritas, cárceres inhumanas e exércitos armados de policías e militares.

Porque se nos organizamos, somos capaces de crear outro tipo de relacións que nos permitan vivir doutro xeito: Horizontal, Asambleario e Comunitario.

E que é iso de Polaris?

Nos séculos XVIII e XIX, a estrela do Norte, tamén chamada Polaris, era o punto de referencia para a fuxida dos escravos negros dende o sur dos EE.UU. cara os Estados do Norte. Nós, aínda rexeitando calquera posición vangardista, tamén pretendemos ser unha referencia para aquelas persoas que sintan coma nós o desexo de fuxir da escravitude moderna do traballo asalariado e o consumismo, e de rebelarse contra este mundo enfermo e enloquecido pola mercadoría.

Entón sodes anarquistas? Non vos parece utópico?

Non. Se pensásemos que é utópico, non tería sentido esforzarnos. Cremos que é preciso un cambio a gran escala e a moitos niveis, e sabemos que isto esixe unha labor duradeira e a longo prazo. Pero vendo un mundo coma éste, sabemos que o mundo que levamos nos nosos corazóns non só é posible, tamén é necesario.

E aínda que dentro do colectivo mantemos as nosas diferencias, recoñecéndonos por momentos en correntes diferentes do pensamento anárquico, compartimos unhas bases, uns medios e uns obxectivos, e sentimos unhas afinidades que nos unen. Definímonos coma anarquistas autónomos, alleos a calquer sindicato, organización, partido político ou institución por enriba de nós mesmas e dos nosos propios desexos de asociarnos.

Onde e cando podedes atoparnos?

O noso posto estará montado nos aledaños da praza da Ferrería de Pontevedra no seguinte horario:

- HORARIO VACACIONAL (Nadal, Semana Santa e verán entre o 1 de xullo e o 15 de septembro):

Martes, Xoves e Sábados de 17:30 a 21:30

- HORARIO NORMAL:

Xoves e Sábados de 17:30 a 21:30

Calquera variación do horario e/ou lugar da distri será comunicada con antelación neste blogue.

Sección: