Diario libertario de lugo e galaxia

Pan-ero

10/03/2014
16:46

Leopoldo María Panero veu a Lugo para falar de antipsiquiatría e de poesía pero tamén para dar unha volta fóra das murallas que a vida, a sociedade e el mesmo foron erguendo dende que na súa xuventude comezase a frecuentar toda clase de sanatorios, clínicas e hospitais psiquiátricos.

Conversou sobre o simbolismo e o parnasianismo franceses e sobre o seu activismo comprometido co colectivo Psiquiatrizados en Loita. Presenteino en público salientando a súa conexión co barroco cultista e cando citei como antecedente seu a Jáuregui asentiu precipitándose a engadir a Bocángel antes de que eu o mencionase. Porque aínda que sexa fácil, por evidente e tópico, situalo como poeta no ronsel do malditismo de Baudelaire, Rimbaud ou Artaud, o caso é que tamén se reclamaba debedor de formalismos tan técnicos como os de Góngora, Mallarmé ou Rilke.

En Lugo foi o clásico Narciso do seu Narciso en el acorde último de las flautas e o fantástico Peter Pan do seu inicial texto Unas palabras para Peter Pan, neste caso lembrando que escribira un guión cinematográfico baseado en boa medida na novela de Barrie. Mais tamén foi o anticlásico Antiedipo de Deleuze e Guattari, obra á que se refería con frecuencia, como tamén á psicanálise estrutural de Lacan.

Coincidimos falando de Borges, da II República e do anarquismo. Interesouse por Luís Pimentel ante a súa casa natal, ouriñou nos muros do Museo Provincial porque tiña moitas gañas e aseguroume que quería poñer un pub en Madrid que se chamase República. Dixo que volvería e, a súa maneira, hoxe volveu.

Claudio Rodríguez Fer

Sección: