Diario libertario de lugo e galaxia

Palestra no Ateneo Libertario A Engranaxe: Loita social e represión gobernamental en México

26/05/2015
01:35

O Ateneo Libertario A Engrenaxe envíanos información sobre o seguinte acto: Loita social e represión gobernamental en México, a cargo de Juan Sosa Maldonado, activista revolucionario mexicano. A continuación, deixamos unha breve descrición do compañeiro.

Juan Sosa Maldonado é un loitador revolucionario que, nestes momentos, se atopa en Lugo como refuxiado político baixo un programa de Amnistía Internacional. A súa vida estivo adicada a loita polos dereitos humanos dos seus irmáns/ás zapotecos, pola restitución da súa dignidade e a construcción dunha sociedade libre, anticapitalista, afastada das zarpas estatais e imperialistas que levan desgarrando secularmente o corazón deste pobo. 

Juan é o exemplo de que loitar pola defensa dos dereitos humanos en México sae moi caro. O representante da Organización dos Pobos Indíxenas Zapotecas (OPIZ), sufriu un intento de asasinato en outubro de 2013 cando ía levar aos seus fillos/as ao colexio por parte de mercenarios a soldo do Narcoestado Mexicano. Con todo, a represión non constituía unha novidade na vida de Juan. No ano 1998 sería acusado de pertenza a "banda terrorista", en concreto, ao Exército Popular Revolucionario, polo que pasaría tres anos de cárcere, sufrindo isolamento e tortura física. 

Este mesmo exército pronunciouse solidariamente con  Juan, ante os feitos enunciados no 2013, advertindo o seguinte: "o intento de asasinato deste loitador social, forma parte da mesma espiral de violencia do terrorismo de Estado contra todo loitador social que adique o seu esforzo á defensa dos dereitos dos pobos orixinarios e á promoción dos dereitos humanos". 

Así que, desde o Ateneo Libertario de  Lugo, comprácenos convidarte a unha palestra na que Juan nos poñerá ao día sobre os 43 estudantes desaparecidos no Estado de Guerrero, no sur de México en setembro de 2014; o que supoxo a Comuna de Oaxaca como experiencia revolucionaria -na que participou activamente-, e sobre a situación social e política actual en México. 

Sección: