Diario libertario de lugo e galaxia

O feminismo inunda as rúas para esixir aborto libre e gratuíto

18/06/2013
18:18

A chuvia non parou nas máis de dúas horas que durou a manifestación feminista que reclamaba en Compostela o aborto libre e gratuíto. A chuvia non paraba mais tampouco a vontade das miles de persoas que manifestaron a súa intención de non permitir nin un paso atrás nos dereitos conseguidos polo movemento feminista. “Nós parimos, nós decidimos” era a máis breve das consignas que resumía o cerne da manifestación, a demanda do aborto libre, gratuíto e na sanidade pública contra a intención do ministro Gallardón de poñer fin a dereitos conseguidos con anos de loita. 

Levaba tempo sen que atravesara as rúas de Compostela unha manifestación con tanta enerxía. O silencio non se impuxo en ningún momento nas máis de dúas horas que durou a mobilización. Consignas berradas con forza e música acompañaron á convocatoria da Plataforma Galega pola defensa do Dereito ao Aborto que transcorreu desde a estación de tren até unha praza de Pratería repleta de paraugas cando a chuvia xa arreciaba. 

Por momentos, as consignas evocaban as manifestacións de hai xa máis trinta anos, cando o feminismo reclamaba a despenalización e o dereito ao aborto que logo deu en leis ben máis permisiva que o retroceso que agora quere impoñer o PP. “Feminismo para adiante, machismo para atrás”, “Somos guapas, somos listas, somos todas feministas” ou “Mulleres somos, mulleres seremos pero na casa non nos quedaremos” lévanse cantando décadas e agora, a “contrarreforma” avanzada por Gallardón fai que tomen nova forza canda outras novas que se dirixen directamente ao ministro: “Que fatalidade, que fatalidade que a nai de Gallardon non puidera abortar, que desilusión, que desilusión que o pai de Gallardón no puxera un condón”, foi unha das máis coreadas e a imaxe do ministro, mesmo preñado, aparecía en varias das pancartas. “Para paridas, as de Gallardón” líase nunha portada por un mozo. 

Rodear a catedral de feminismo

Á igrexa e os seus valores retrógados dirixíronse tamén boa parte das denuncias. “Fora rosarios dos nosos ovarios” berrouse en repetidas ocasións nunhas rúas de Compostela nas que non é difícil pasar por diante de centros relixiosos. Orfas, San Bento e, por fin, a catedral. Ao centro do poder eclesiástico conduciuse a manifestación e baixo a chuvia, unha cadea feminista rodeou a catedral e entón o “imos queimar a conferencia episcopal por machista e patriarcal” sentiuse máis forte aínda. 

“Alerta que camiña a loita feminista polas rúas da Galiza” berrouse pola zona histórica, nunha manifestación no que o lilá imperaba en faixas, paraugas ou camisolas. “Aborto libre e gratuíto: As mulleres decidimos” era o lema central que ecoou en boa parte das faixas que portaban representantes das sesenta entidades e organizacións que integran a Plataforma Galega pola defensa do Dereito ao Aborto. Faixas da CIG, BNG, PSOE, EU, GN, SOS Sanidade Pública ou Nós-UP, entre outras ademais de colectivos feministas tomaron parte nunha manifestación histórica na que quedou á vista que non se vai permitir o retroceso en dereitos que tanto custou conseguir. 

“O ministro Gallardón á fronte do goberno do PP, preocupado por seguir o ditado da Conferencia Episcopal, do Foro da Familia e organizacións semellantes que forman ese 10% da poboación que pretenden a supresión do aborto e que sexa delito en todos os casos, queren unha volta atrás sen precedentes” denunciou a Plataforma no comunicado final, lido na Praza das Praterías. “Queremos que exista o dereito ao aborto libre, sen máis causas que a vontade da muller nas primeiras semanas, na carteira de servizos da sanidade pública” reclamouse nunha manifestación na que o feminismo saíu á rúa para reclamar de novo o aborto libre, gratuíto, na sanidade pública e pola decisión das propias mulleres. Con moitas das consignas que o movemento violeta berraba hai xa máis de trinta anos. 

A chuvia impediu que a festa se prolongase como estaba previsto pero a enerxía invadía de novo a praza na voz de Mercedes Peón que daba saída á participación de artistas e escritoras que prestaban a súa voz ás reivindicacións da festa feminista.. “Deus non está con nós” dixo Pilar Estévez, da organización, ao ver que a chuvia non cedía. Pola antoloxía de consignas, deixaron claro que elas tampouco. 

 

Fuente

Sección: