Diario libertario de lugo e galaxia

O dereito á televisión.

24/11/2013
00:13

Dereito a televisiónNo século XIX, a facción reaccionaria da burguesía aliada cos restos do Antigo Réxime (monárquicos e Igrexa) estaban en contra da ampliación do voto a escala universal porque sospeitaban que o cuarto estado nunca votaría por eles. A facción progresista da burguesía, os chamados liberais ou republicanos, pola súa parte, si estaban a prol da extensión do voto porque pensaban que poderían crear, cos obreiros e campesiños, unha alianza de clase maioritaria. Os dous estaban errados.

O voto do cuarto estado, dos traballadores -antes da creación dos seus propios partidos e tamén despois- dividiuse sempre entre conservadores e liberais a partes máis ou menos iguais ao longo dos últimos cento cincuenta anos nas democracias burguesas europeas consolidadas, é dicir, en Francia e Inglaterra. Por que non se realizaron, entón, as previsións optimistas dos liberais, nin as máis lúgubres dos conservadores?

A burguesía conservadora non dispuña das mellores cabezas pensantes do seu tempo, certo, pero tiña cartos para crear xornais da súa corda, e, sobre todo, dos púlpitos das igrexas desde onde os curas predicaban submisión á orde establecida, temor de deus, mansedume e caridade cristiá para resolver os problemas económicos. Isto debería abondar para explicar por que a clase obreira máis organizada e consciente foi sempre furiosamente anticlerical (“a única igrexa que arde…”), pero centrémonos agora na primeira parte do asunto, e desde a perspectiva de hoxe.

“En España o estado monopolizou a emisión televisiva ata mediados dos oitenta, aínda hoxe concede as licencias de xeito discrecional.”

A partir dos primeiros sesenta, o medio de comunicación máis estendido, e con máis potencial para a creación de opinión e control ideolóxico, pasou a ser a televisión. Un formato moito máis caro e complexo tecnicamente que calquera dos anteriores, sobre o que os estados estableceron unha vixilancia de ferro (pensemos, por caso, que en España o estado monopolizou a emisión televisiva ata mediados dos oitenta e que aínda hoxe concede as licencias de xeito discrecional).

Autor Alberto Lema.

 

Fuente

Sección: 
Etiquetas: