Diario libertario de lugo e galaxia

O CONCELLO DE SANTIAGO VOLVE MULTAR ÁS PERSOAS QUE PROTEXEN AOS ANIMAIS

25/05/2012
19:28

 

Por segunda vez en menos de dous anos, o Concello de Santiago volve multar a unha persoa por alimentar aos gatos e gatas sen fogar que viven nas rúas da nosa cidade. Se no ano 2010 foi unha veciña de Santiago a que tivo que facer fronte a unha multa de 750  euros por este motivo, agora, outra veciña da cidade, unha muller maior de 80 anos, vese perseguida polo concello quen lle reclama  735 pola comisión do mesmo "delito"     .
Desde ABEIRO volvemos mostrar a nosa repulsa a estes feitos, máis unha vez son perseguidas e castigadas aquelas persoas preocupadas polo benestar animal, que fan o traballo  que deberían facer as institucións, coidando aos animais que malviven nas nosas cidades,  mentres os maltratadores  e infractores gozan dunha absoluta impunidade.
A primeira consecuencia desta medida é que esta persoa xa non se atreve a alimentar a eses gatos e gatas que dependían dela, polo que xa podemos imaxinar o destino que poden sufrir estes animáis. A segunda, é que a multa que lle  é aplicada, 735 euros, é moi superior á pensión que percibe mensualmente.
A lei de protección animal no artigo 20,  apartado f) considera  unha infracción leve  non facilitarlle a alimentación adecuada as súas necesidades(falando dos animais)  sendo responsábel de levar adiante a multa por incumprimento deste artigo,  o alcalde da cidade.  Pois ben, dacordo coa lexislación, o sr. Currás debería poñerlle unha multa ao concelleiro responsábel desta situación  por non facilitar a alimentación axeitada aos gatos e gatas que viven nas nosas rúas,  e mesmo impedir que veciños e veciñas da cidade cumpran con este punto da lei, xa que non se entendería que fose multada una vecina por vulnerar a normativa municipal  e non o fose o responsábel do cumplimento da LEI 1/93 á que fixemos alusión máis arriba. Xa que, segundo a lei 1/93, a señora Mallo non fai máis que levar adiante un dos seus puntos, esiximos a retirada inmediata da multa, e todas as consecuencias que a mesma poidese ter para esta veciña.
Ao mismo tempo, desde ABEIRO pedimos que se tomen medidas para controlar a poboación felina dunha maneira ética, castrando os gatos e gatas que viven nas rúas, e facilitándolles a alimentación axeitada ás súas necesidades, tomando exemplo doutras vilas galegas, como a capital ourensana, onde o concello colabora na castración e instalación de casetas na rúa para que poidan vivir moitos destes animais.
Así mesmo, animamos aos veciños e veciñas de Santiago a mostrar a súa solidariedade con  Carmen Mallo , rexeitando este tipo de medidas represivas, e solicitando ao concello da nosa cidade que leve a cabo outras prácticas de benestar animal máis acordes co tempo no que vivimos.
Agardamos que o concello retire a multa, de non ser  así, solicitamos a colaboración cidadá para axudar a esta muller. A xente que o desexe pode realizar a súa aportación na conta da asociación Abeiro, indicando "axuda a Carmen Mallo" , no número  0128 0110 21 0100041331, ou ben persoalmente na Tenda Vegana Herbas, na rúa Pitelos 26, baixo, de Santiago.
 
Sección: 
Etiquetas: