Diario libertario de lugo e galaxia

"O clítoris non se estuda en anatomía porque non intervén na reprodución"

18/02/2014
16:13

 

Autora do manual Agarimos, dirixido a educar en sexualidade en secundaria, co-escribiu tamén a guía O clítoris e os seus segredos xunto con María Victoria Carrera e M. Elísabeth Rodríguez, premio de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero da Universidade de Vigo. 

Conversamos con ela arredor da ocultación deste órgao tan especial que para María Lameiras é, asemade, "moi poderoso". Mais tamén a respeito da importancia da educación sexual nas escolas, di, como única maneira para previr a interrupción dun embarazo non desexado. 

A guía O clítoris e os seus segredoscomeza dicindo que vai narrar "a verdadeira historia" deste órgao após ser silenciado por moitos séculos. Por que se ocultou o clítoris mesmo na literatura científica sobre anatomía?
O clítoris é un órgao moi poderoso no corpo das mulleres. É fisioloxicamente análogo ao pene, é dicir, xorden da mesmas estruturas embrionarias e a súa fisionomía é semellante. Porén, aínda que son anátomos e fisioloxicamente equivalentes teñen unha diferenza fundamental e é que o clítoris só ten unha única e exclusiva función que é vehiculizar o pracer através dos moitísimos receptores sensoriais que ten. É, neste senso, un órgao moi poderoso, mais ao que nunha cultura patriarcal como a nosa é difícil que se lle recoñeceza ese poder. De feito o que se fixo foi invisibilizalo e mesmo afastalo dos libros científicos no século XIX, cando se descobre que o clítoris non intervén na reprodución. Eis o momento no que eclosiona o seu poder. O corpo da muller estudouse através do modelo do corpo masculino e do seu funcionamento. Ao non existir ningún equivalente ao clítoris no corpo do home e consideralo especialmente poderoso [pola súa capacidade para o goce] ténselle medo e hai que invisibilizalo. Mais o obxectivo é non só invisibilizar o clitoris, senón a sexualidade das mulleres e a súa maior capacidade para sentir e viver o pracer, se temos en conta que é capaz de encadear orgasmos sen que se produza un período de descanso, algo que non acontece no caso dos homes. 

Aínda hoxe se continúa a ocultar nas escolas?
A ciencia está contaminada pola moral imperante da sociedade onde se constrúe. Non por casualidade todo o que ten a ver coa sexualidade está terxiversado polo que a propia bioloxía di. Mesmo se imos aos libros de bioloxía teriamos que mudar a mitoloxía arredor de que a partir da costela de Adán se fixo Eva [refírese así ao estudo do corpo das mulleres no plano científico a partir do modelo e funcionamento do do home]. No século XIX, como che contaba, ao descubrir a ciencia que o clítoris non interviña na reprodución este órgao fica afastado dos libros de anatomía, a comezar polo Libro de Anatomía de Grey que é o máis coñecido no ámbito da medicina. Na actualidade continúa fóra nos libros de texto ou de aparecer só se referencia a súa parte externa ocultando a parte interna que amosa a grandeza, amplitude, extensión e capacidade deste órgao. Iso é completamente descoñecido no ámbito educacional. Coñecemos o noso intestino delgado, o groso mais non o funcionamento dos nosos clítoris. Aínda é hoxe que estamos a coñecer en profundidade a propia anatomía do órgao grazas a unha uróloga australiana que o diseccionou. Isto é unha barbaridade. 

A que responde esta ocultación?
É intencionada, por suposto. Porque recoñecer que a muller posúe un órgao exclusivo para o pracer, se partimos do principio aristotélico de que "todo órgao ten unha función e a función dá sentido e xustifica o órgao", quere dicer que o pracer xustifica un órgao exclusivo na muller. Iso é potentísimo. Mais estas reflexións non interesan nunha cultura patriarcal onde o que se procura é ningunear a muller e a súa capacidade sexual, invisibilizándoa e infravalorizándoa. A teoría de Freud sobre o orgasmo clitoriano e o vaxinal é unha consecuencia disto. Esta teoría, non científica, conclúe que o orgasmo vaxinal é maduro e polo tanto, as mulleres para se converteren en mulleres maduras teñen que transferir o orgasmo desde o clítoris á vaxina. Iso é unha barbaridade e fixo que as mulleres pensaran que se estaban a volver tolas. Se a un home lle din a partir de mañá vai sentir o pracer na orella e se non o consegues é que non pode convertirse nun home adulto. No entanto cumpre lembrar que o pracer se extende por todo o corpo. Os orgasmos séntense no cerebro. 

Vostede co-escribiu o manual Agarimos, unha guía didáctica para educar en materia de sexualidade en secundaria. Aínda perviven tabús no sistema educativo?
Por suposto. Imos ver, o ensino desenvólvese de costas á educación sexual. Non se fai educación sexual, nen se prepara a mocidade para coñecer o seu corpo e poder vivir con responsabilidade e con capacidade para tomar decisións sobre o que queren facer con el. O resultado é que perviven tabús, mitos, unha grande dor e malestar en relación á sexualidade. Seguimos estando nunha sociedade na que é materia pendente desenvolver unha boa educación sexual porque a sexualidade non é algo negativo, que teña que permanecer no espazo da moral, cada quen ten que vivila baixo os principios que coide acaídos para si propios mais a sexualidade é fundamentalmente algo natural, bo, un espazo de crecemento importante para a comunicación e o pracer. Mesmo para a reprodución cando se quixer. 

Coa súa traxectoria profesional e tamén vital, que opinión lle merece a reforma da lei do aborto?
Paréceme un disparate. Creo que non vai en sintonía co que estamos a viver nos últimos tempos. É un proceso regresivo en relación aos avanzos conseguidos pola sociedade desde a súa pluralidade. Non había un debate social sobre o aborto. O que había era unha minoría que non estaba de acordo cunha lei que permitía a cada persoa decidir se quería abortar e de ser así que se desenvolvese nas condicións de maior amparo para as mulleres. As que non queiran abortar, pois que non aborten. Iso é o que dicía a lei. Esta proposta afástanos da contorna europea onde se recollen na súa maioría leis de prazos. É unha lei que conculca o dereito fundamental das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Ninguén, ningún estado, pode obrigar a ningunha muller a ser nai. 

Mellor educar que punir?
O mellor que pode facer esta sociedade para que os abortos non se produzan é através dunha educación sexual que permita pór sobre a mesa a responsabilidade, os coñecementos necesarios, para evitar os embarazos non desexados. O aborto non é un método anticonceptivo, é un recurso posterior ao fallo dos métodos anticonceptivos e canta menos educación sexual, máis abortos. 

 

Fonte

Sección: