Diario libertario de lugo e galaxia

Kobanê escribe nas páxinas da Historia

26/01/2015
20:46
Por fin, despois de máis de 4 meses de sufrimento, de intereses xeopolíticos da OTAN e EUA coa complicidade de Turquía, despois de que Kobanê se encontrase soa contra o monstro de ISIS e onde parecía factible a caída de Kobanê cando entraron na cidade. Despois de duros enfrontamentos, numerosas baixas e mortes que deixaron mártires nas filas das YPG e YPJ, despois das súas contraofensivas as cales conseguiron liberar con esforzo e perseveranza pouco a pouco máis terreo, despois de que finalmente EUA decidise mandarlles apoio ante a presión internacional e as mobilizacións en solidariedade por todo o mundo, despois do apoio dalgunhas forzas do Exército Libre Sirio (ELS), da entrada dos Pershmerga; hoxe por fin poderemos celebrar unha gran vitoria, lograda a través do pobo en armas. Un pobo cunha longa historia de loitas detrás e que, tras a posta en práctica do confederalismo democrático, afondaron na revolución social e conquistar a autonomía democrática.
 
Non obstante, esta vitoria non significa o final da historia. Tras a guerra, gran parte da cidade está en ruínas a consecuencia dos intensos combates que se viviron, o cal, lles tocará unha ardua tarefa de reconstrución. Por outro lado, o escenario político será distinto: as alianzas tácticas que fixeron as YPG e YPJ con outras forzas político-militares como o ELS e os Pershmergas poderían facer que o réxime de Barzani do Kurdistán iraquí (aliñado coas potencias occidentais e en certa medida en conflito co modelo confederalista democrático de Rojava) aumente a súa presenza en Rojava, así como poderían cambiar as relacións entre Al-Assad e o PYD pola participación neste escenario do ELS. A isto hai que sumalo se EUA esixirá algo a cambio pola axuda que outorgou ás milicias curdas ou meterá os seus narices no proxecto de autonomía democrática de Rojava Cabría destacar tamén que este triunfo tampouco significaría o fin de ISIS, e moito menos o do yihadismo. Os terroristas do Estado Islámico seguirán sendo unha ameaza mentres sigan chegando ás súas filas máis militantes e sigan tendo máis subministracións e municións.
 
A pesar de todo, esta vitoria é unha grande inxección de moral e anima o resto de pobos do mundo a continuar a loita pola emancipación social. Ademais é unha gran lección que corrobora que a guerra e a revolución se han de facer á vez e que este mesmo pobo ha de ser o actor político.
 
Sección: