Diario libertario de lugo e galaxia

Hai capitalismo, polo tanto hai crise

26/06/2014
10:29

Por Miquel Amorós

Texto de Miquel Amorós para a charla-debate do 6-10-2012, nas Xornadas Libertarias de Castelló. Publicado en "Nocividades, defensa do territorio e crise". Informe n.º 1 de Argelaga.

 
Corta é a vida, o camiño longo, a ocasión fugaz, falaces as experiencias, a crise difícil. Hipócrates. Aforismos

 

I.

Para Hipócrates a palabra crise designaba o momento culminante dunha enfermidade, a partir do cal, esmiuzando os datos sintomáticos e tendo en conta as experiencias, podía formarse un criterio co que xulgala. O final do razoamento crítico, o xuízo acertado, non é doado, posto que non todos os factores se fan evidentes ao mesmo tempo e a miúdo unha enfermidade esconde outra. Se trasladamos a reflexión á actualidade encontrarémonos cunha crise aparentemente económica que suscita reaccións inmediatas, epidérmicas, guiadas por unha óptica tacticista que se mantén no terreo do parlamentarismo e do capital. A crise é algo inherente ao réxime capitalista, posto que o seu funcionamento normal consiste en subverter constantemente as relacións sociais nas que previamente se apoiara. Cada fase liquida a anterior, por conseguinte, non pode afrontarse a crise sen atacar de fronte ao capitalismo, pero as respostas que habitualmente se dan refírense ás súas consecuencias e non ás súas causas. Non cuestionan os fundamentos do sistema senón soamente lamentan o seu mal funcionamento. As protestas aluden á perda do «estado de benestar», ou sexa, ao descenso do nivel salarial das masas consumidoras, e por engadido, do emprego e do crédito; á mala calidade dos servizos públicos, da asistencia e do sistema de partidos, á voracidade dos banqueiros, e, para rematar, ao ditado das finanzas internacionais que se impón á maioría da poboación grazas á intermediación dos políticos. Parece entón que poidan permitirse solucións no marco do sistema económico e político dominante, a través de medidas lexislativas e executivas que reduzan o impacto crítico sobre as masas asalariadas e endebedadas, evitando de paso os fenómenos de exclusión. A solución debe vir, xa que logo, da man dun Estado interventor e non da súa abolición. O capitalismo terá que desenvolverse máis para crear empregos lixo abondo en vez de desaparecer. Pero, como na medicina, aquí tamén unha crise superficial pode disimular outras máis profundas e menos visíbeis.

II.

A crise é política, é urbana, e tamén ecolóxica. É o momento culminante dunha enfermidade social e cultural cuxos indicios son innegábeis: perda de memoria, desclasamiento, individualismo, narcisismo, degradación da linguaxe, analfabetización funcional, medo, domesticación..., e o tipo humano resultante explica por si só a falta de reacción popular. É a conxuntura onde a clase política acapara todas as institucións públicas e vólvese plenamente autónoma, defendendo os seus propios intereses en tanto que parte da clase dominante. É o instante en que o crecemento urbano acumula millóns de pobres nos suburbios ao tempo que aniquila o ámbito rural e natural, cando se toma conciencia do esgotamento de recursos naturais fronte unha demanda ilimitada destes. Cando se dá a circunstancia do quecemento global do planeta como resposta á contaminación atmosférica por gases de efecto invernadoiro. A intelixencia verdadeira e total da crise produce un segundo nivel de cuestionamento. A crítica apunta á natureza do sistema e non se conforma con apaños nin reformas. Os individuos conscientes deben reformular a forma de vida que desexan levar, a organización do seu tempo e do seu espazo, o modelo de sociedade onde vivir, e, finalmente, o equilibrio metabólico coa natureza, co fin de elaborar unha estratexia de intervención colectiva de longo alcance. Deben cuestionar o conxunto do sistema e non soamente os seus aspectos máis degradantes.

III.

A cuestión do suxeito ocupa o lugar central do pensamento crítico. A transformación radical da sociedade necesita un axente social que a leve a cabo, que necesariamente debe nacer da toma de conciencia da poboación máis afectada pola crise. O problema radica en que o devandito suxeito non pode constituírse dentro dun sistema totalitario, onde a dominación penetra e se apodera de todos os eidos da vida. O suxeito debe formarse mediante a deserción ou a exclusión. Os procesos de segregación son lentos pois dependen de decisións persoais en situacións difíciles; son problemáticos, posto que o sistema non favorece unha existencia á marxe; e son propensos a desviarse dos seus obxectivos, xa que tenden a sobrevalorar un só aspecto da secesión, a cooperación, en detrimento do outro, a loita, polo que o seu anticapitalismo adoita derivar cara á experimentación dentro do capitalismo. Por outro lado, a exclusión, non voluntaria, a miúdo recluída nas periferias urbanas, encerrada en ámbitos abandonados polo propio sistema, responde á violencia económica que a orixinou cunha violencia de signo contrario, pero o vandalismo dos excluídos non pretende cambiar o mundo, senón formar parte del. A deserción é tamén un fenómeno cultural, pero o desarraigamento total impide que as bandas na rúa de saqueadores constrúan unha comunidade libre, nin sequera sobre a base da depredación, como o foron en cambio, noutra época, as asociacións corsarias: sóbralles o rap e fáltalles unha auténtica cultura da exclusión. Por agora, unicamente as comunidades que se resistiron ás relacións sociais de mercado, as poboacións indíxenas alleas ao modo de vida que impón o capital, foron capaces de forxar un suxeito social capaz de elaborar un proxecto de transformación radical, ao estender as súas estruturas comunitarias tanto aos seus ámbitos rurais próximos coma ás barriadas urbanas. O exemplo máis claro do que falamos sería a Comuna de Oaxaca de 2006.

IV.

O que queda claro é que o protagonista colectivo da saída da crise vai xurdir de comunidades veciñais, non de organizacións de vangarda, sindicatos ou consellos. As comunidades non son necesariamente o resultado dunha marcha ao campo, posto que a segregación anticapitalista pode producirse tamén na conurbación. É máis, dada a actual correlación poboacional, a ruptura de hostilidades non terá máis remedio que darse nas aglomeracións urbanas en descomposición. É alí onde as masas deben botarse ao monte. As avanzadas rurais poden abrir camiño, pero a crise vaise producir só cando estale a conurbación, o que sucederá por exemplo se a falta de combustíbel causa problemas de abastecemento. A inevitable crise enerxética, ao paralizar o transporte, carrexará sucesivas crises alimentarias de desastrosas consecuencias para a supervivencia nas metrópoles. Nos países capitalistas desenvolvidos onde non existen zonas virxes nas que poida sobrevivir unha comunidade e irradiar o seu influxo cara ao espazo urbano, o conflito territorial pode desempeñar o papel de catalizador da comunidade, pero os maiores efectivos achegaraos a masa confinada na urbe. Polo contrario, a loita urbana pode cobrar un sentido se se compromete coa defensa do territorio. A desurbanización seguirá o mesmo camiño que a urbanización.

V.

Os procesos ruralizadores deberán xerar en principio comunidades mixtas nun dobre sentido, agrarias e urbanas por un lado, de creación e de loita por outro. A batalla máis importante que hai que gañar é a que se está a librar xa contra as ideoloxías progresistas, defensoras do desenvolvemento con decisión das forzas produtivas. Discorre principalmente no terreo da crítica da ciencia e a tecnoloxía, é dicir, no terreo da crítica da cultura industrial dominante, pois a desagregación desa cultura do crecemento, do consumo e do progreso, sen valor de uso, nacerá unha contracultura da fraternidade e do don, sen valor de cambio. A devandita contracultura non debería de existir como esfera separada do resto da actividade comunitaria, senón como espazo interior de libre creación involucrado na transformación anti-industrial da sociedade. Por iso asemellarase máis á vella cultura popular que á cultura clásica das elites, e será moito máis oral que escrita, posto que como homenaxe das experiencias liberadoras do pasado estará feita para ser contada, non para ser lida ou «audiovisualizada». A oralización é o correlato cultural da desindustrialización, tanto como a dialectización o é do abandono da tecnocultura uniformizadora do capitalismo tardío. As xermanías locais faladas nos espazos comunitarios desprazarán as xergas especializadas dos espazos virtualizados do poder. A revolución futura -unha revolución non é máis que o final dunha crise- encontrará os seus medios de expresión axeitados no argot dos combatentes pola liberdade.

VI.

A crise actual, albor dunha recesión en todos os sentidos, introdúcenos nun escenario de cambios profundos e rupturas traumáticas, onde é imposíbel a volta atrás. As consecuencias serán transcendentais. A sociedade, en tanto que reino do irracional e arbitrario -en tanto que dominio do espectáculo- volveuse demasiado inestábel e demasiado irreal. Os conflitos necesarios devolverán o mundo á realidade, pero a unha realidade belixerante. O combate social, como a guerra, desenvólvese no campo do risco; respira unha atmosfera de perigo. O seu desenlace é imprevisíbel: pode somerxernos de novo no peor dos pesadelos ou sacarnos do atranco. A vitoria nunca está asegurada pero a crise traballa para ela. Móstranos os momentos vulnerábeis do inimigo, aqueles onde é factíbel pasar ao ataque con garantías de éxito.

Sección: