Diario libertario de lugo e galaxia

Folga de úteros

30/01/2014
01:08

Por Beatriz Preciado.

Pechados na ficción individualista neoliberal, vivimos coa inxenua sensación de que o noso corpo perténcenos, de que é a nosa propiedade máis íntima. No entanto, a xestión da maior parte dos nosos órganos está a cargo de diferentes instancias gubernamentais ou económicas. De todos os órganos do corpo, o útero foi sen dúbida aquel que historicamente foi obxecto dunha meirande expropiación política e económica. Cavidade potencialmente xestacional, o útero non é un órgano privado, senón un espazo biopolítico de excepción, ao que non se lle aplican as normas que regulan o resto das nosas cavidades anatómicas. Como espazo de excepción, o útero parécese máis ao campo de refuxiados ou á prisión, que ao fígado ou ao pulmón.

 

O corpo das mulleres contén dentro de si un espaz público, por cuxa xurisdicción se disputan non só os poderes relixiosos e políticos, senón tamén as industrias médicas, farmacéuticas e agroalimentarias. De aí que, como ben sinala a historiadora Joan Scott as mulleres estivesen durante longo tempo nunha situación de "cidadanía paradoxal": se como corpos humanos pertencen á comunidade democrática de cidadáns libres, como corpos con úteros potencialmente xestantes, perden a súa autonomía e pasan a ser obxecto dunha intensa vixiancia e tutela política. Cada muller leva dentro de si un laboratorio do Estado- Nación de cuxa xestión depende a pureza da etnia nacional. Durante os últimos coarenta anos, o feminismo levou a cabo en  Occidente un proceso de descolonización do útero. Pero a actualidade española amósanos que este proceso non só está inacabado, senón que é fráxil e facilmente revocábel.

 

O pasado 20 de decembro, o goberno de Mariano Rajoy aprobaba en España o Anteproxecto para a nova lei do aborto que será, xunto coa irlandesa, a máis restritiva de toda Europa. A nova lei de "Protección da Vida do Concibido e dos Dereitos da Muller Embarazada" contempla unicamente dous supostos de aborto legal: o risco para a saúde física ou psíquica da nai (cun prazo de 22 semanas) ou violación (cun prazo de 12 semanas). Ademais, o risco da nai deberá ser acreditado por un médico e un psiquiatra independentes e deberá ser obxecto dun proceso colectivo de deliberación. O Anteproxecto suscitou non só a indignación dos grupos da esquerda e feministas, senón tamén a oposición do colectivo de psiquiatras que se negan a participar neste proceso de vixiancia e patoloxización das mulleres embarazadas que restrinxe o seu dereito a decidir por si mesmas. 

 

Como explicar esta iniciativa do goberno de Rajoy? As políticas de útero, como a censura ou a restricción da liberdade de manifestación, son un bo detector das derivas nacionalistas e totalitarias. Nun contexto de crise económica e política do Estado español, fronte á reorganización do territorio e da "anatomía" nacional (pensemos no proceso aberto de secesión de Cataluña, pero tamén no actual descrédito da monarquía e na corrupción das elites dirixentes) o goberno busca recuperar o útero como lugar biopolítico no que fabricar de novo a soberanía nacional. Soñan que posuíndo o útero poderán manter as vellas fronteiras do Estado- Nación en descomposición. Este Anteproxecto de Lei é tamén unha resposta á legalización do matrimonio homosexual que tivo lugar durante o mandato do precedente goberno socialista e que, a pesar de intentos recorrentes do PP, o Tribunal Constitucional non aceptou derogar. Fronte a posta en cuestión do modelo de familia heterosexual, o goberno de Rajoy, próximo ao grupo integrista católico Opus Dei, pretende agora ocupar o corpo feminino como derradeiro lugar no que se xoga non só a reprodución nacional, senón tamén a hexemonía masculina. 

 

Se a historia biopolítica puidese ser narrada cinematograficamente diríamos que a película que nos prepara o PP é un febril porno- gore no que o presidente Rajoy e o seu ministro de xustiza Ruiz Gallardon plantan unha bandeira de España en todos e cada un dos úteros do Estado- Nación. Esta é a mensaxe que envía o goberno de Rajoy a todas as mulleres do país: o teu útero é territorio do Estado español, coto e fermento da soberanía nacionalcatólica. Só existes como Nai. Abre as pernas, se terra de inseminación, reproduce España. Se a lei que pretende implantar o PP se fixese efectiva, as españolas espertarían co Consello de Ministros e coa conferencia episcopal dentro dos seus endometrios. 

Como corpo nacido con útero, pecho as pernas ao nacionalcatolicismo. Dígolles a Rajoy e a Rouco Varela que non porán un pé no meu útero: nin xestei, nin nuncha xestarei ao servizo da política españolista. Desde esta modesta tribuna, invito a todos os corpos a facer folga de útero. Afirmémonos como cidadás totais, non como úteros reprodutivos. Non só a través da abstinencia e a homosexualidade, senón tamén da masturbación, da sodomía, do fetichismo, da coprofaxia, da zoofilia... e do aborto. Non deixemos que penetre nos nosos úteros nin unha soa gota de esperma nacionalcatólico. Non xestemos para as contas do PP, nin para as parroquias da Conferencia Episcopal. Fagamos esta folga como faríamos o máis matriótico dos xestos: para acabar coa ficción nacional e comezar a imaxinar unha comunidade de vida post- Estado- nacional, que non teña como condición de posibilidade a violencia e a expropiación do útero. 

Sección: