Diario libertario de lugo e galaxia

Folga de fame na prisión de Can Brians

12/02/2014
14:42
O preso José Antúnez Becerra mantense en folga de fame indefinida dende o pasado día 14 de xaneiro coa intención de que a súa condena a 19 anos sexa revisada. Ditada en 2008 a raíz do motín do centro penitenciario de Quatre Camins en 2004, durante o cal resultou ferido o subdirector do penal, Manuel Tallón, Antúnez considera que esta supón unha cadea perpetua encuberta de ata 30 anos acumulados de reclusión.
 
Con esta folga de fame, José Antúnez reivindica outros dereitos, como o de obter permisos e proxectos de futuro, xa que cumpre os requisitos para facer talleres ou cursos. Segundo informaron familiares e grupos de apoio do preso, José Antúnez Becerra perdeu xa máis de catro quilos e ten o azucre e a tensión moi baixas. Aínda así, "encóntrase con ánimos e forza para seguir a súa loita, xa que o único que lle queda para facerse escoitar é a súa vida,".
 
"Antes de que me mate lentamente a administración penitenciaria, loitarei pola inxustiza que cometeron tanto o tribunal que me sentenciou, coma a administración penitenciaria", conclúe o seu comunicado, feito público o pasado 20 de xaneiro, no que o preso afirma que a súa a situación que vive é unha vinganza pola súa participación, durante a Transición, na Coordinadora de Presos Españois en Loita (Copel). "A base para condenarme foi o meu historial", conclúe o comunicado.
 
Fundada na madrileña prisión de Carabanchel en 1976, a Copel tiña como obxectivos conseguir a amnistía ou o indulto xeral, así como cambiar as normas de vida no interior dos cárceres, aproveitando o cambio de réxime que se estaba a producir no exterior das prisións. Cando Institucións Penitenciarias se deu conta de que se creara esta organización, decidiu illar aos seus membros, o cal supuxo unha maior cohesión e organización do grupo. Tras un ano de existencia, o 18 de xullo de 1977, nunha clara referencia ao golpe de Estado de 1936, oito persoas subiron ao tellado do cárcere dando inicio a un dos maiores motíns da historia do Estado español.
 
 
Sección: