Diario libertario de lugo e galaxia

Errico Malatesta: Os Deberes da Hora Presente (1894)

17/12/2014
14:35
A reacción caerá sobre nós de todos lados. A burguesía, enfurecida polo temor a perder os seus privilexios, usará todos os medios de represión para sufocar non só aos Anarquistas e Socialistas, senón que a todo movemento progresivo.
É ben certo que non poderá previr aquelas atrocidades que serviron como pretexto para a reacción presente; pola contra, as medidas que vetan todo outro despregamento do talante activo dalgúns, parecen expresamente calculadas para provocalas e multiplicalas.
Pero desafortunadamente, non é tan certo que non poida lograr obstruír a nosa propaganda facendo que a circulación da nosa prensa sexa moi difícil, encarcerando un gran número dos nosos compañeiros, e deixando ningún outro medio de actividade revolucionaria aberta a nós mais que mitins secretos, que poden ser moi útiles para a execución mesma de actos determinados, pero que non fan que a idea entre ás masas do proletariado.
Estariamos errados ao consolarnos coa vella ilusión de que as persecucións son sempre útiles para o desenvolvemento das ideas que son perseguidas. Iso é incorrecto, como case todas as xeneralizacións o son. As persecucións poden facilitar ou obstruír o triunfo dunha causa, de acordo á relación que exista entre o poder da persecución e o poder da resistencia dos perseguidos; e a historia pasada contén exemplos de persecucións que detiveron e destruíron a un movemento así como tamén outras que desencadearon unha revolución.
Por ende debemos enfrontar, sen debilidade nin ilusión, a situación na que a burguesía nos puxo hoxe e estudar os medios para resistir a tormenta e para derivar dela o maior proveito para a nosa causa.
Hai compañeiros que esperan o triunfo das nosas ideas dende a multiplicación de actos de violencia individual. Ben, podemos diferir nas nosas opinións acerca do valor moral e o efecto práctico dos actos individuais en xeral e de cada acto en particular, e por certo hai sobre este tema, entre nós Anarquistas, varias correntes de opinión diverxentes e mesmo directamente opostas; pero unha cousa é certa, a saber, que cun número de bombas e un número de golpes de coitelo, unha sociedade como a sociedade burguesa non pode ser derrocada, estando esta baseada, como o está, sobre unha enorme masa de intereses e prexuízos privados, e sostida, máis do que o está pola forza das armas, pola inercia das masas e os seus hábitos de submisión.
Son necesarias outras cousas para levar a cabo unha revolución, e especialmente unha revolución Anarquista. É necesario que as persoas sexan conscientes dos seus dereitos e das súas forzas; é necesario que estean preparados para loitar e preparados para asumir a condución dos seus asuntos nas súas propias mans. A preocupación constante dos revolucionarios, o punto cara ao cal toda a súa actividade debe apuntar, debe ser ocasionar este estado mental entre as masas. Os brillantes actos duns cantos individuos poden axudar a este labor, pero non poden substituíla, e en realidade, estes actos son só útiles se son o resultado do movemento colectivo do espírito das masas... lográndose baixo tales circunstancias que as masas os comprendan, simpaticen con eles, e que tiren proveito deles ...
Quen espera que a emancipación da humanidade veña, non da persistente e harmoniosa cooperación de todas as persoas de progreso, senón da ocorrencia accidental ou providencial dalgúns actos de heroísmo, non está mellor informado que quen a espera da intervención dun enxeñoso lexislador ou dun vitorioso xeneral...
Que habemos de facer na presente situación?
Antes que todo, na miña opinión, debemos resistir as leis tanto como sexa posible; podería case dicir que debemos ignoralas.
O grao de liberdade, como tamén o grao de explotación baixo o que vivimos, non é en absoluto, ou só en pequena medida, dependente da carta legal: depende antes que todo da resistencia ofrecida ás leis. Un pode ser relativamente libre, a pesar da existencia de leis draconianas, sempre e cando a convención se opoña a que o goberno faga uso delas; mentres, por outro lado, a pesar de todas as garantías ofrecidas polas leis, un pode estar a mercé de de toda a violencia da policía, se eles senten que poden, sen ser castigados, ignorar a liberdade dos cidadáns...
Os resultados das novas leis que se están a forxar contra nós dependerán, en boa medida, da nosa propia actitude. Se ofrecemos enérxica resistencia, aparecerán de inmediato á opinión pública como unha violación desvergoñada de todo dereito humano e estarán condenadas á rápida extinción ou a permanecer como letra morta. Se, pola contra, nos acomodamos a elas, estarán á par das convencións políticas contemporáneas, que terán, máis adiante, o desastroso resultado de dalo nova importancia á loita polas liberdades políticas (de palabra, escritura, reunión, combinación, asociación) e ser a causa, en maior ou menor medida, de perder de vista a cuestión social.
Queren prohibirnos expresar as nosas ideas: fagámolo de todas as maneiras e máis que nunca. Queren proscribir o mesmo nome Anarquista: berremos forte que somos Anarquistas. O dereito a asociación quéresenos negar: asociémonos como poidamos, e proclamemos que estamos asociados, e que é o noso propósito estalo. Estes tipos de acción, estou ben consciente, non carecen de dificultade no estado en que están as cousas no presente, e poden só ser exercidos dentro dos límites e na forma en que o sentido común dite a todos de acordo ás distintas circunstancias en que vivan. Pero recordemos sempre que a opresión dos gobernos non ten outros límites que a resistencia que se lle ofrece.
Aqueles Socialistas que imaxinan que escaparán á reacción cortando os lazos da súa causa da dos Anarquistas, non só dan probas dunha estreiteza de perspectiva compatible cos fins de reorganización radical do sistema social, senón que traizoan estupidamente o seu propio interese. Se habemos de ser esmagados, a súa quenda virá moi pronto.
Pero antes que todo debemos ir entre o pobo: esta é a vía de salvación para a nosa causa.
Mentres as nosas ideas nos obrigan a poñer todas as nosas esperanzas nas masas, pois non cremos na posibilidade de impoñer o ben pola forza e non queremos ser mandados, desprezamos e desatenderon todas as manifestacións da vida popular; contentámonos con simplemente predicar teorías abstractas ou con actos de revolta individual, e illámonos. De aí o desexo de éxito do que chamarei, o primeiro período do movemento Anarquista. Logo de máis de vinte anos de propaganda e loita, despois de tanta devoción e tantos mártires, somos hoxe case estraños para as grandes conmocións populares que axitan a Europa e América, e achámonos nunha situación que permite aos gobernos fomentar, sen chairamente parecer absurdos, as esperanzas en reprimirnos mediante algunhas medidas policiais.
Reconsideremos a nosa posición.
Hoxe, aquilo que sempre debeu ser o noso deber, que era o resultado lóxico das nosas ideas, a condición que a nosa concepción da revolución e a reorganización da sociedade nos impón, é dicir, vivir co pobo e gañárnolo coas nosas ideas tomando parte activa nas súas loitas e sufrimentos, volveuse unha necesidade absoluta imposta sobre nós pola situación baixo a que temos que vivir.
 
Sección: