Diario libertario de lugo e galaxia

Entrevista o grupo Barbarian Prophecies

21/02/2014
13:34

Quen sodes Barbarian Prophecies?

Pois actualmente, Barbarian Prophecies somos Óscar e Arnt nas guitarras, Manuel ao baixo, Xavier ás voces e eu (Julio) na batería.

 

Canto tempo levades tocando?

O pasado ano cumprimos 13 como banda, a pesar de que ao longo de todo este tempo a formación foise renovando ata o día de hoxe.

 

En que grupos tedes tocado con anterioridade?

Óscar é un dos membros fundadores de Barbarian Prophecies, e leva formando parte da banda sen interrupción, aínda así tamén formou parte doutro proxectos como “Undead Skulls”. Arnt cando vivía en Alemaña tocaba na banda “Carpe Diem”, Manuel formou parte de varios proxectos e actualmente está traballando nos temas da súa banda de black-metal “Frosthon”, Xabier tocou fai anos nunha banda de punk-rock e eu toquei en bandas de estilos moi diferentes, dende metal melódico ata funky ou pop. Actualmente toco con “Ever Dream” e no proxecto instrumental progresivo do guitarrista David Muñoz “DM X Project”.

 

Despois de varios cambios, tedes xa unha formación fixa?

Nós sempre dicimos que temos unha formación fixa aínda que en calquera momento a nosa situación poda cambiar e teñamos que deixar a banda. E dicímolo porque dende que eu estou nela, fai xa case 8 anos, todos os que formaron parte de Barbarian seguen sendo parte importante dela. Todos deixaron algo de si nos eu momento e gracias a iso somos o que agora somos e é algo do que nos sentimos moi orgullosos. Temos bo rollo, seguimos véndonos e sempre podemos contar uns cos outros.

 

Como definiriades a vosa música?

Sen fixarnos demasiado no montón de etiquetas que agora se empregan, podemos dicir que Barbarian Prophecies facemos Death Metal con influencias do Black e do Thrash, pero a verdade é que nos teñen definido de moitísimas maneiras... de todos xeitos, non nos cerramos a ningún estilo e entre nós temos gustos moi diferentes.

Acabades de sacar un traballo novo, XIII, Como foi a gravación?

A gravación de XIII foi unha vez máis nos Sadman Studios (Madrid), de man do galego Carlos Santos. Alí xa gravamos o noso anterior traballo “Remember the Fallen” e foi unha experiencia tan positiva que non dubidamos en repetir. Traballar con Carlos é sempre moi satisfactorio, aprendes moitísimo e o resultado pensamos que é inmellorable. Logo masterizamos de novo con Mika Jussila, un profesional con moitísima experiencia que sempre fai un traballo impecable.

 

En que medios o distribuídes?

Con XIII temos a sorte de contar con unha distribuidora internacional “WormHoleDeath” así que ademais de poder conseguir o noso novo disco nos concertos da banda ou a través das nosas páxinas en internet, tamén se distribúe en tendas físicas de todo o mundo, no catálogo “Shop Circus” e en todas as plataformas dixitais.

 

E en que formatos?

En formato físico, pois publicámolo nun digipack cun libreto con 16 carillas e deseños de David Muñoz, e tamén en formato dixital, para facilitar o súa distribución.

 

Cantos traballos tedes xa?

No ano 2002 editamos a nosa primeira maqueta “Conquerors of the Wolfthrone” , no 2004 o EP “War is Imminet”, no 2007 unha promo que contiña mesturas alternativas de temas que formarían o noso seguinte disco “Condemned Land... The War Begins” editado en 2009. Xa en 2011 publicamos “Remember The Fallen” e a finais de 2013 “XIII”.

 

Con que colaboracións tedes contado na realización deste disco?

No apartado musical tivemos a sorte de contar con tres grandes músicos e amigos da banda, Óscar Ínsua ´Jumpin, David Muñoz e Raúl Muradas “Yuyi”.

Yuyi compuxo a intro de piano no tema “The Hidden”, David Muñoz un solo de guitarra en “Embrace of Insanity” e Jumpin, que compuxo un solo de guitarra no mesmo tema e participou na versión do tema “Engulfed” de “Absorbed” banda da foi membro fundador; neste tema gravou o solo de guitarra e a voz principal.

Pero tamén temos que dar as gracias á xente que nos colaborou con nós no apartado artístico do disco, de novo David Muñoz que se encargou de todos os deseños e ilustracións do digipack, Maite Ramis de NadVisualArt pola realización do video lyric do tema “The Hidden”, a Ivana Abad pola sesión fotográfica para promocionar o disco, e moi especialmente á nosa axencia de management “Lost Penguin Conspiracy” que nos axudan con todo!.

 

Cando tocades en Lugo?

Xa temos por costume, e é algo que nos gusta!, tocar na “Recolleita” que organiza o Clube Clavicémbalo, no mes de Setembro. É a volta do verán, e parece que tanto a xente coma nós estamos con moitas ganas de concerto!!! Así que salvo novidade o noso vindeiro concerto en Lugo será en Setembro de 2014.

 

Que tal de actuacións para presentalo?

Pois ata o de agora moi ben, fixemos algunha data por Galicia (Lugo, Santiago, Vigo, A Mariña...) e tamén presentamos o disco en Salamanca e Torrelavega. Para os vindeiros meses a nosa axencia “Lost Penguin Conspiracy” está cerrando concertos en Asturias, Madrid, Euskadi, Valencia, Cataluña e algún máis en Galicia. E tamén estamos preparando a nosa segunda visita a Alemaña, na que agardamos facer 4 ou 5 datas.

 

Con que outros grupos vos gusta tocar?

Gústanos tocar con todo o mundo, temos compartido escenario con bandas internacionais como Napal Death e con bandas de Lugo coma nós. Gústanos pasalo ben e sempre intentamos ter un trato cordial con todos os compañeiros. Lóxicamente disfrutamos moito tocando con bandas ás que admiramos de sempre, pero tamén cando tocamos con bandas amigas.

 

Que nos estades a preparar agora mesmo e para cando?

Pois ademais das novas datas da xira que xa comentamos, estamos ultimando a saída do noso novo videoclip. Ziwa Producitons son os encargados de realizalo e logo de coñecer os seus traballos anteriores estamos seguros de que quedará xenial.

Por outra parte estamos centrados na distribución do disco e na actualización da nosa páxina web, para o que contamos coa axuda de Lucas Nuzi e Iván Mouronte, así como na composición de novo material.

 

Como valorades a escena en Galiza á hora de tocar?

En Galicia contamos con moitas e moi boas bandas, e temos que dicir que con moitas delas mantemos moi boa relación e temos tocado en diversas ocasións. Penso que a escena en Galicia conta con moi boa saúde e en parte tamén porque a xente nova ben pegando moi forte e cun gran nivel, e eso é algo moi bo.

 

Como vedes o apoio das salas?

Actualmente as salas o que fan é facilitarche máis ou menos as condicións para poder acceder a elas ou facilitarche material e técnicos, pero polo xeral logo son as bandas as que se encargan de organizalo todo. Algunhas tamén fan publicidade dos concertos a través das redes sociais ou che axudan a buscar bandas coas que compartir cartel... en cada sitio é difente.

 

E En Lugo?

Como xa comentamos o Clube Clavicémbalo organiza todos os anos a “Recolleita” onde tocamos bandas lucenses de todos os estilos e sempre que tocamos alí somos moi ben tratados. Tamén está a Sala Castelao, O Diablo... onde tamén se están a organizar concertos e algún festival. Agora mesmo en Lugo, a pesar de non contar con salas de gran aforo coma en outras cidades galegas, hai boas salas onde poder tocar.

 

Que opinades da SGAE? e que opinades das licenzas copyleft?

Non formamos parte da SGAE nin compartimos a súa visión do “negocio” da música. Nós rexistramos todo o noso material no Rexistro da Propiedade Intelectual, que é unha entidade pública e tamén o facemos en rexistros privados dixitais que nada teñen que ver ca SGAE.

 

A quen NON lle recomendades o voso traballo?

Nós recomendámosllo a todo o mundo, logo cada persoa ten o seu gusto musical e pode que o noso estilo non estea demasiado próximo ao que actualmente soa nos medios. De todos xeitos hai xente que aínda que no seu día a día non escoite Death ou Thrash, si que é capaz de apreciar noso traballo e nos apoian en todo canto poden.

 

Como vedes o futuro próximo da banda? e o futuro en xeral?

Pois esperamos seguir adiante cos nosos proxectos xuntos, seguir compoñendo música, tocando, gravando... sobre disfrutando do que facemos día a día. O futuro esperamos que nos teña preparadas moitas sorpresas agradables, pero como che dicía, nós intentaremos loitar polo que nos gusta e facelo do mesmo xeito que ata agora.

 

Queredes engadir algo máis?

Si, darvos as gracias por pensar en nós para esta entrevista, agradecervos que apoiedes ás bandas da cidade e que agardamos vervos no noso próximo concerto en Lugo. E como non, mandar un saúdo a todos os vosos lectores!!!

 

Entrevista contestada por Julio G. Valladares 

Sección: