Diario libertario de lugo e galaxia

Dixeches: municipalismo liberador?

22/05/2015
13:58

Colamos unha entrevista imaxinaria a Murray Bookchin que uns companheir@s realizaron como parte do fanzine: “A mesma aposta”. Eleccións municipais e lavado de cara do Sistema para que todo siga igual (en pdf e en castelán).

Para responder a algunhas preguntas que nos realizan a algúns anarquistas con toda esta cuestión das eleccións municipais, que nos xeran non poucas dores de cabeza, recorremos a alguén que «sabe» sobre o tema. Non nos confundamos, non é que nós non saibamos e necesitemos dun experto que nos resolva as nosas dúbidas senón que optamos por que sexa o propio Murray Bookchin, quen se preocupou extensamente por desenvolver esas teorías e propostas que se coñecen como municipalismo libertario, o que responda ás nosas inquedanzas.
 
Disfrazado dun inofensivo «municipalismo emancipador», con toda a mentira das asembleas e os círculos, unha horda de políticos finxen xurdir da «rúa» e dos «movementos sociais», e encamíñanse cara unha aposta que con certo tinte mal pintado de municipalismo libertario recorre ao clásico «asalto ás institucións» leninista. 
 
«Non poucas veces pensan mellor que os vivos» dixo Guy Debord, e por iso recorremos a realizar unhas preguntas ficticias a Bookchin quen nos dá unhas respostas bastante acertadas. Pode que se entenda isto como «descontextualizar» ao mesmo Bookchin, pero a quen crea isto remitímolo a que lea ao propio autor. Non somos partidarios nin defensores do municipalismo libertario, pero cremos que ten unha lóxica que a actual deriva municipalista da esquerda nin asoma a ter, e enmárcase nun contexto (hipotético ou real) nada similar ao das nosas urbes capitalistas avanzadas. 
 
Do mesmo xeito ca ti, Murray, non cremos no máis aló nin no paraíso. Pero imaxinámonos que se polo que sexa puideses ver o que ocorre na actualidade no Estado español e toda esa farsa, algunhas veces en nome de teorías que contribuíches a desenvolver non che faría moita graza. Que opinas desta esquerda que se presenta como alternativa nas eleccións municipais?
 
Bookchin: Cando diaños acabaremos de crear un movemento capaz de mirar cara ao futuro en lugar do pasado? Cando comezaremos a aprender do que está nacendo en lugar do que está morrendo? Marx intentou facelo no seu propio tempo, e a isto debe o seu perdurábel prestixio... Novamente están os mortos andando entre nós, e vestíronse irónicamente co nome de Marx, o home que tratou de enterrar aos mortos do século dezanove. A esquerda está insensíbel ao argumento da auténtica liberdade: é economicista, centralista, burocrática e apaixonada pola tecnoloxía. 
 
Non sexas tan duro Murray, eles cren (ou nos queren facer crer que cren) no cambio... 
 
Bookchin: A revolución completa e multilateral do noso tempo, que está por fin en condicións de resolver a histórica «cuestión social» nada da escaseza, a dominación e as xerarquías, toma exemplo das revolucións parciais, incompletas e unilaterales do pasado, que se limitaron a cambiar a forma da «cuestión social» reemplazando un sistema de explotación xerárquica por outro. 
 
Nós creemos que é unha farsa e que no fondo non buscan mudar nada, senón que buscan limpar a cara das institucións. Como sempre sucedeu, desde a esquerda socialdemocrata alemá de principios de século ata o populismo latinoamericano de hoxe, a historia repítese ao ritmo de «non pode ser doutro xeito». 
 
Bookchin: A historia estafounos. Converteu as verdades de onte en erros de hoxe; non a base de proporcionarnos novos argumentos para refutalos, senón simplemente abrindo á sociedade un campo de posibilidades. Empezamos a comprender que a área da dominación é máis vasta que a da explotación material. A traxedia da corrente socialista é que, baixo o imperio do pasado, utiliza os métodos da dominación para intentar «liberarnos» da explotación material. Os métodos de dominación, por exemplo os partidos políticos, os medios de comunicación de masas, as xerarquías, o Estado. 
 
Pero, a quen nos di «que podemos facer entón senón votar» que lle respondemos que debemos facer? 
 
Bookchin: Debemos iniciar unha ruptura co dado, coa configuración social que temos á vista e procurar entender que vivimos insertos nun proceso que arrastra tras de si unha longa historia e ao que espera un longo futuro.
 
Soa fácil, pero ás veces non sabemos realmente que buscamos, que queremos. 
 
Bookchin: Debemos saber o que queremos, pois pola contra recorreremos a medios que falseen radicalmente os nosos fins. Hoxe en día, o comunismo está á orde do día no plano da sociedade, fronte a ese revolto socialista de «etapas» e «transicións» que o único que sabe é atascarnos nese mesmo mundo que intentamos pasar.
 
Moitos supostos libertarios, quizais imbuídos polas túas teorías do municipalismo libertario, aínda que máis probabelmente embobados por lecturas un tanto particulares de Lenin e por experiencias latinoamericanas de «poder popular» cren que toda esta farsa electoral actual, con Podemos e demais mamarrachos, pode achegarnos a unha sociedade máis libre... Pódese chegar a unha sociedade anarquista por esas vías?
 
Bookchin: Unha sociedade anarquista debería ser unha sociedade descentralizada, non só para estabelecer unha base perdurábel para a armonización do ser humano na natureza, senón tamén para agregar novas dimensións á armonización dos seres humanos entre si. 
 
Vexo que estas propostas de «municipalismo» esquerdista, á cal teñen o descaro de chamar «municipalismo emancipador», son os tentáculos que o Estado estende para controlar o que non pode nin debe escapar ao seu alcance. 
 
Bookchin: Non fai falla que me digas que moitos aspectos da vida actual dos pobos e cidades están controlados polo Estado- nación ou por corpos intermedios, como gobernos rexionais e provinciais que fan esta tarefa en favor do Estado- nación. Hai trazos do Estado en cada poboación ou aldeíña, e non digamos xa na cidade. O municipalismo esquerdista do que che falo traballa de xeito conxunto
cos medios de comunicación. 
Como traballaría unha proposta municipalista libertaria?
 
Bookchin: Traballaría a un nivel moi persoal que se atoparía fóra dos límites alcanzábeis polos medios de comunicación. Unha cousa que hai que entender é que na medida na que os medios de comunicación van aumentando a súa concentración transfórmanse en forzas de alienación. En realidade, o enfoque municipalista libertario sería o único que podería esperar contrarrestar a concentración de poder da prensa, porque trata de chegar a un nivel de comunidade, poñendo ao seu alcance medios para neutralizar e opoñerse ao impacto da prensa, pois basea o seu traballo na interacción cara a cara. A cuestión dos partidos a min provócame nauseas só de pensalo. 
 
Un partido marxinal de aquí disfrazado doutra cousa comezou loubando as túas teorías e acabou no parlamento.
 
Bookchin: Si un partido aparentemente radical corrómpese polo parlamentarismo, o que historicamente foi o caso de todos os partidos que coñezo, entón, este partido parlamentario esforzarase por moderar a situación existente, facilitando, de feito, a consecución dos seus obxectivos aos elementos máis perniciosos da sociedade.
 
Sección: