Diario libertario de lugo e galaxia

De Lugo a Gamonal, loita social

04/02/2014
21:46
O Gamonal, un barrio obreiro burgalés, é o escenario sobre o que se cernen as pupilas de milleiros de persoas que iluminan a xénese dunha nova conciencia colectiva. O detonante que provocou unha resposta social tan contundente foi a imposición por parte da oligarquía local dunha reforma urbanística que tiña por obxecto a privatización dun amplo espazo comunitario para a creación dun  bulevar cun aparcadoiro subterráneo privado. Mais este suceso non só responde a un mero negocio de cariz especulativo que ten por obxecto aumentar a taxa de ganancia dunha camarilla político- empresarial mediante a venda de prazas de garaxe, senón tamén a un proceso de xentrificación, é dicir, a un desprazamento demográfico de poboación obreira pauperizada que permita crear unha nova zona de negocios ao servizo da clase dominante.

 

A reacción non se fixo esperar, moreas de persoas tomaron man da súa propia capacidade para loitar contra esta agresión dos capitalistas mediante a sabotaxe e a acción directa. As entidades bancarias e as máquinas utilizadas para as escavacións aparecían queimadas por obra dunha clase subalterna, cada vez máis consciente da súa forza para que o medo cambie de bando. Este exemplificante episodio de loita social foi, como de costume, proseguido dun sainete no que partidos políticos, prensa burguesa e cans uniformados sumaron esforzos en reprimir as protestas a golpe de demagoxia, desinformación e gas lacrimóxeno.

 

Neste contexto, unhas cen persoas reuníronse o 17 de xaneiro na Pza. Maior de Lugo para solidarizarse coa loita emprendida polos compañeiros de Gamonal. En primeiro termo, deuse lectura a un manifesto cidadanista, cheo de moralismo pacifista e delegacionismo pastoril. A continuación, aproveitando que no Círculo das Artes de Lugo se reunían diferentes comediantes a tempo completo -Feijoo, Orozco...-, a xente desprazouse ata este ostentoso oasis da burguesía lucense para berrar consignas máis estimulantes que o panfletario discurso previo: "vós fascistas, sodes os terroristas", "de Lugo a Gamonal, loita social", "contra o Capital, guerra social", "onde están non se vén, os pobres nas cadeas e os ricos no poder".  Un dispositivo policial composto por un rabaño de 20 policías uniformados impediu que a xente puidese entrar no edificio, do que saían perfumadas señoras engaioladas con cadáveres de bisóns ao lombo que non podían disimular o seu medo ante o atronador balbordo dos manifestantes. Péchase o telón e os títeres non saen a saúdar, faise o silencio e, nese intre, un rapaz adolescente dille polo calado ao seu compañeiro: "Algún día, non moi afastado, estes berros derrubarán os muros que nos separan daqueles que decretan decote unha vida alienada e mísera a millóns de persoas, ese día farase xustiza".

 

Por Fabbri

Sección: