Diario libertario de lugo e galaxia

Crónica da detención e posta en liberdade do compañeiro

11/02/2013
21:01

 

Despois de coñecida a detención do compañeiro deste sindicato na tarde do martes 5 de Febreiro, supostamente por uns feitos acontecidos durante a pasada folga xeral do 14 de Novembro, desde a CNT comezamos a despregar diversos actos de protesta e solidariedade, e a extender a información desta detención a todas luces desproporcionada e que non ten outra finalidade que a intimidación.

A falta de información nos primeiros momentos foi absoluta, encuanto o compañeiro foi detido nun momento no que se atopaba so e desde a escadra policial non facilitaban nengunha información á nosa advogada. Finalmente informasenos de que o compañeiro non prestará declaración nas dependencias policiais até a mañá do día seguinte, e que non poderá ver á advogada até ese momento. Este feito é extremadamente desproporcionado, desde o momento en que, cando calquera persoa é imputada no curso dunhas dilixencias, o normal e legal é o envío dunha citación para declarar ante o xuíz instrutor. Sen embargo, o noso compañeiro é detido e debe pasar unha primeira noite no calabouzo.

Na mañá do mércores 6 de Febreiro, desde a CNT convocamos unha concentración nos xulgados de Fontiñas, coincidindo co momento no que estimabamos que o compañeiro sería chamado a declarar ante o xuíz. A esta concentración acuden varias ducias de persoas, tanto militantes da CNT como das centrais sindicais CUT e CIG, así como amigos do compañeiro e militantes doutras organizacións e colectivos estudantís e sociais. Con todo, a nosa sorpresa é que o compañeiro non prestará declaración, senón que a policía solicitou ao xuiz, e obtivo, a autorización para rexistrar o seu domicilio. 

Trasladamos entón a concentración para o domicilio do compañeiro, onde un despregamento policial absolutamente desproporcionado nos agarda. 4 carriñas policiais e máis dunha docena de policías, encarapuzados uns, outros coa cara á vista, custodian o edificio. Non podemos deixar de lembrar tantas ridículas actuacións deste tipo que a policía de Compostela ten levado a cabo nos últimos anos, desde rexistros de domicilios de militantes a centros sociais para non atopar outra cousa que roupa e libros. 

Como semella que a detención se prolongará, desde a CNT convocamos outra concentración para a tarde, esta vez na Praza de Cervantes. Desta volta, é máis dun cento de persoas a que se achega á convocatoria, desde a que se reclama a liberdade inmediata do compañeiro e se informa da deriva do caso. A concentración convértese nunha protesta contra o estado policial que vive a cidade de Compostela, contra todos os actos represivos que, desde fai anos, son o habitual contra calquera organización ou persoa que se bote á rúa a protestar contra o sistema capitalista. A concentración trascorre entre berros de "Darío liberdade!", "Aquí estamos, nós non temos medo!" ou "Non á represión!", e imprecacións directas contra o dispositivo policial presente na praza, até que este decide abandonar o lugar entre gritos de "Que se vaian!"

No momento no que se nos informa de que o compañeiro está pronto para declarar nos xulgados de Fontiñas, acórdase espontaneamente marchar en manifestación até os xulgados, deixándolle claro aos mercenarios policiais e aos seus amos que a rúa é nosa, que non precisamos nen queremos o seu permiso para facer o que nós consideramos que é o noso dereito, que ante calquera acto de represión e intimidación nós prantaremos a nosa dignidade e a nosa desobediencia.

Finalmente, despois de media hora de concentración nos xulgados, despois de día e medio de detención, o compañeiro é liberado por volta das nove e media da noite, baixo os cargos de desordes e dano e coa obriga de se apresentar os días 1 e 15 de cada mes nos xulgados. Despois dun cálido recebimento, o compañeiro agora libre diríxenos unhas palabras de agradecemento e remata chamando á necesidade de continuar a luita diaria.

Desde a CNT temos claro que non se trata dun feito isolado, sabemos que non é tampouco unha persecución contra a nosa organización, senón que obedece a unha vontade sistémica de eliminar calquera forma de oposición, disidencia e protesta como as que nos últimos tempos están a tomar as rúas. Non esquecemos ao resto de compañeiros e compañeiras da organización que están encausados polas últimas folgas xerais, nen esquecemos outras detencións e acusacións delirantes contra militantes anarquistas e independentistas. Pero tampouco esquecemos de que maneira a xente ven demonstrando na rúa que non hai intimidación ou persecución policial á que non se lle vai facer fronte.

Por último, debemos agradecer o apoio recebido de organizacións e colectivos como Esculca, CUT, CIG, a Asemblea aberta de Compostela, Ceivar, e tantas outras que nos fixeron chegar o seu apoio e solidariedade co compañeiro.

En Compostela, a 7 de Febreiro de 2013

O comité local da CNT-Compostela

 

mais fotos

Sección: