Diario libertario de lugo e galaxia

Comunicado do Ateneo Libertario A Engranaxe (Lugo) acerca das detencións de anarquistas na “Operación Pandora”

20/12/2014
22:40

Dende o Ateneo Libertario A Engranaxe queremos mostrar a nosa solidaridade coas compañeiras que se viron implicadas no que chaman “Operación Pandora”, coas once persoas detidas, sete delas presas, mais tamén coas que se viron no chan da Kasa de la Muntanya durante oito largas horas mentres os Mossos revolvían e invadían o seu fogar, coas persoas que viron as súas casas rexistradas e a súa intimidade violada, coas que estiveron nos calabozos e pasaron pola Audencia Nacional.

Ademais, queremos mostrar a nosa máis enérxica repulsa contra o Estado opresor que, coas súas últimas rabexadas, intenta achegarnos aínda máis a eses tempos tan nostálxicos para eles, aplicando todo tipo de leis despóticas, propias doutro século, como é a tristemente famosa Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida popularmente como Lei Mordaza, a que parece querer estrear coas compañeiras detidas.

Non esquezemos o papel dos seus medios de propaganda, que non teñen reparo en esquecer a presunción de inocencia das anarquistas, tildándoas de terroristas. Mentres que, en casos de terrorismo de Estado, se afanan en protexer a presunción de inocencia de políticos e empresarios, protexidos pola xustiza, pero xulgados pola ignominiosa miseria de milleiros de perosas. 

Temos claro que detrás deste operativo o que menos lles preocupa e a seguridade cidadá. O seu inquietante e planificado terrorismo invisible ten por obxecto criminalizar a solidariedade e perseguir aos movementos sociais. Por outra banda, detrás de todo isto hai unha serie de acordos políticos e económicos co Estado de Chile, como vén a demostrar a reunión que mantiveron o ministro de interior español Jorge Fernández Díaz co seu homólogo Rodrigo Peñailillo dous días antes do operativo, onde chegaron a acordos de cooperación para perseguir e reprimir a colectivos libertarios.

Estes feitos están enmarcados nun plan deseñado polo capital para acabar co seu máis perigoso inimigo: a organización popular en asambleas de barrio, ateneos e espazos ocupados. Por todo isto, recalcamos o noso rexeitamento a esta montaxe policial, mediática e xudicial.

Non nos pararán! A loita está na rúa!

 

Sección: