Diario libertario de lugo e galaxia

As cifras do Estado policial

30/01/2014
19:08
“Cuerpo Nacional de Policía
siempre dispuesto al servicio de España
protector del ciudadano, de la Paz
y de nuestra Democracia,”
-Do himno oficioso del CNP.
 
 
Dende a súa constitución, en 1941, a partir de elementos destacados da Falanxe ou purgados do Corpo de Seguridade e Asalto republicano, a Policía Armada franquista, os grises, foron un dos principais piares do réxime criminal instaurado. Aínda que xa non sexan tan impactantes, pois volvemos vivir ese tipo de violencia nas nosas carnes, as imaxes deste corpo reprimindo con violencia traballadores e estudantes pasaron á historia.
 
Sabemos que, para 1968, cunha poboación de 32 millóns de habitantes, contaban os grises con 20.000 efectivos. A estes hai que sumarlles 60.000 efectivos da garda civil, a que se encargou de rematar coa resistencia do maquis, de vixiar as entradas e saídas do Estado-prisión español e de manter, no mudo rural, o statu quo de miseria agraria. Outros 8.200 tiña o Corpo Xeral de policía, dentro da cal se encadraban as brigadas político-sociais, célebres polos seus torturadores. Menor era o papel das escasas gardas urbanas, que tan só asumían funcións de asistencia e circulación e non constituían entón corpos armados. Non cabe dúbida de que, xunto co exército e a igrexa, a policía era un dos piares do réxime franquista. Como nos encontramos actualmente?
 
Están por todas as partes.
 
Se os efectivos policiais do franquismo se achegaban aos 90.000, actualmente a cifra inflouse ata ser o Estado español, segundo Eurostat, o país da UE con máis policías por habitante: 505 axentes por cada 100.000. A media é de 338.
 
Examinando os datos, encontrámonos con 90.181 efectivos do Nacional e 84.400 da Garda Civil. O réxime autonómico tamén contribúe a aumentar a presenza policial sobremanera, sumando 30.000 efectivos as distintas policías autonómicas. As policías locais presentes en 1700 municipios do Estado, encadran uns 66.000 efectivos. En total, máis de 270.000 elementos. Unha cifra tres veces maior que a de finais dos 60, cunha poboación que só creceu un 46%.
 
En definitiva, o réxime do 78 fai parecer ridículo o Estado policial franquista. Cabe dicir que, dende a morte do ditador, ningún dos corpos policiais herdeiros dos de entón sufriu unha purga, limitándose a unha centralización e a un par de cambios na coloración do uniforme. Son os mesmos, pero agora son máis.
 
Calabozos, dor e medo.
 
Xogando un papel tan importante no mantemento da orde política de corrupción e privilexios dende hai décadas, a policía do Estado español demostrou posuír unha notable impunidade para empregar toda clase de medios alleos ao que se considera un Estado de dereito, pasando por enriba do dereito humano a non ser sometido a tortura, penas crueis ou tratos degradantes.
 
Segundo Amnistía Internacional existe unha total impunidade policial en casos de tortura, que se aplica especialmente contra persoas estranxeiras. Tampouco se cumpre en ningún caso o dereito dos torturados a unha reparación. De acordo ao informe da Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura no ano 2012 o CNP foi denunciado por tortura e malos tratos en 117 ocasións, 19 a Garda Civil, 32 os Mossos d´Esquadra, 15 a Ertzaintza e 26 as distintas Policías Locais, afectando estes casos a 851 persoas. Estas cifras son só unha pequena parte do total, tendo en conta que boa parte dos torturados son inmigrantes indocumentados sen medios para denunciar. Non son actos puntuais, acontecen por sistema e en todos os corpos. O feito de que máis da metade, 591 persoas, fosen agredidas tras mobilizacións sociais, é proba do que se pretende.
 
Só no ano 2013 producíronse, baixo custodia ou no transcurso de operacións policiais, 43 mortes. Suman 916 dende 2001, cifras do Centro de Documentación contra a Tortura. A policía, no Estado español, mata e mata impunemente. O indulto para os asasinos e torturadores queda, no 100% dos casos, garantido polo Estado. Non se busca senón protexer unha ferramenta de terror político.
 
Un madeiro, mil lapiseiros.
 
As políticas neoliberais todo o recortan, agás a represión. Os presupostos de 2013 aumentaban o presuposto para antidisturbios nun 1780%, pasando de 173.670 euros a 3,26 millóns. Pola contra, recórtase en seguridade cidadá. Non hai escusa posible, non se pretende "combater o crime", senón a protesta ante a miseria que pretenden impoñer.
 
A isto súmase organización de novas unidades dedicadas exclusivamente á represión. Aos 2744 axentes da UIP (Unidade de Intervención Policial) súmanse 2.200 axentes dos 72 grupos da UPR (Unidade de Prevención e Reacción). Distintas Policías Locais e Autonómicas crearon tamén as súas unidades represivas, caso da UAPO en Zaragoza ou a Brigada de Reforzo da Ertzaintza, ampliada en 2012.
 
Encontramos igualmente novidades no material destas unidades. Por nada menos que medio millón de euros, se adquiriu un novo camión con canón de auga, cunha presión regulable de 10 a 16 bares de presión e 7000 litros de capacidade. Búscase substituír os vellos camións, que contaban cunha autonomía de 4000 litros e cuxos canóns tiñan unha potencia moito menor. Polo visto, son moi necesarios máis de 10 bares se se queren sacar ollos a presión, como puidemos ver en Turquía cando se empregaron vehículos do mesmo tipo.
 
Ante as denuncias polo uso das pelotas de goma, que deixaron 2 mortos e 11 perdas de ollo dende os anos 90, estase a proceder á súa substitución por proxectís de Foam en Cataluña. Este tipo de proxectís son tan daniños como as pelotas de gomas, non obstante, impuxéronse grazas á escusa de que non rebotan e son máis precisos" polo que, ao contrario que as pelotas, non darán "por erro" á cara ou órganos vitais. Non obstante, como denunciou o SUP (Sindicato Unificado de Policía), estase a adestrar aos novos antidisturbios para saltarse os regulamentos e disparar por enriba das pernas.
 
Máis diñeiro, novo equipo e unha nova xeración de axentes adestrados para dar renda solta á violencia represiva do Estado. Mentres o desemprego, a precariedade laboral e a destrución dos servizos públicos estenden a miseria, faise necesario blindar a un Estado cada día máis autoritario.
 
O que está por vir.
 
Di a presentación ao Anteproxecto de Lei de Seguridade Cidadá que "O dereito a manifestación se exerceu amplamente nos dous primeiros anos desta Lexislatura". Pero, parece, que non se vai permitir que isto siga pasando. Tras dous anos de goberno do Partido Popular os seus apoios sociais comezan a fenderse e o pobo traballador comeza a ver que a solución aos seus problemas pasa pola acción colectiva. A recente vitoria do barrio burgalés de Gamonal ante a especulación urbanística, desatando a solidariedade ao longo de todo o Estado, é proba diso. Se hai estalido social, van estar preparados, cunha xustiza que pasa por enriba dos xuíces nunha distopía autoritaria que nos traslada aos cómics do Xuíz Dredd.
 
A este aumento do poder da policía estatal hai que engadir os privilexios concedidos á seguridade privada. No noso Estado existen 85.000 gardas de seguridade que, coa nova Lei de Seguridade Privada, poderán deter, cachear e identificar na vía pública. Un reforzo á represión que evidencia o corporativo do réxime no que nos encontramos.
 
Negar que nos encontramos ante o maior Estado policial de Europa, no que todo vale para defender os privilexios dunha oligarquía caciquil, é xa negar a evidencia. Ante iso debemos actuar, debemos facernos fortes, reforzando os lazos colectivos e comunitarios contra a represión. Sendo conscientes de que entre os que rouban e gobernan e nós se encontran eles, unha barreira de porras, cascos e escudos, contra a que máis nos vale estar preparados.
 
Sección: