Diario libertario de lugo e galaxia

CARMEN BLANCO E CLAUDIO RODRÍGUEZ FER PRESENTAN POESÍA PARA TOD@S

12/03/2014
16:05

           Mañá xoves 13, ás oito da tarde, presentarase na Librería Andel de Vigo (Avenida das Camelias, 102), a obra POEMAS POLAS VÍTIMAS DO 36 NAS RÍAS DE VIGO E PONTEVEDRA, de Claudio Rodríguez Fer, edición pertencente á iniciativa POESÍA PARA TOD@S que promoven os cadernos UNIÓN LIBRE e que conforman unha serie de volumes que se entregan ao público de balde en recitais e outros eventos.

            O acto está organizado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que representará o seu presidente, Telmo Comesaña Pampillón, e nel intervirán tamén os coordinadores de UNIÓN LIBRE Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen ofrecerá un recital da súa poesía en memoria e dignificación das vítimas de Vigo.

            POESÍA PARA TOD@S comezou en 2010 con Poemas polas vítimas do 36 en Galicia, que se presentou e entregou nun acto masivo de memoria na Illa de San Simón, ao que seguiron Poemas para Lugo e Poemas para lucenses, que se presentaron e entregaron na Galería Sargadelos e na Biblioteca Pública de Lugo. A autoría ata agora correspondeu aos dous escritores citados así como a Olga Novo e a María Lopo.     

            Estas accións poéticas, efectuadas nestes tempos en que tanto se quita, queren lembrar que aínda hai quen pensa que a poesía debe ser mostra de que a solidariedade e a xenerosidade son posibles, como o verdadeiro amor, que non se pode comprar nin vender, senón simplemente darse.

Carmen Blanco é escritora, estudosa do tema da muller e profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Evocou a memoria da muller represaliada nas obras narrativas Vermella con lobos e Atracción total, e na poética Un mundo de mulleres. Coordinou con Claudio Rodríguez Fer a parte literaria do proxecto "Vermellas", que xa se expuxo en Lugo, Vigo e Pontevedra. 

Claudio Rodríguez Fer é escritor, estudoso da literatura e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela. Fixo a súa tese de doutoramento sobre A literatura galega durante a guerra civil e publicou numerosos libros sobre vítimas da contenda, ademais de dedicar tres obras poéticas á memoria histórica galega: Lugo bluesA loita continúa e Ámote vermella.

Sección: