Diario libertario de lugo e galaxia

A biopolítica, 30 anos depois. Vixencia de Michael Foucault

16/02/2014
16:15

A obra de Michel Foucault (1926 - 1984) continúa sendo un dos referentes intelectuais máis importantes para a comprensión das relacións entre a sociedade e o trastorno mental. Para Foucault, as categorías de loucura, delincuencia ou desviación sexual son construídas en función de discursos políticos para normalizar. Desde esta perspectiva, é preciso ter en conta que non é o mesmo ser diferente, que estar enfermo.

 

A pregunta fundamental que se formula Foucault, e hai que resaltar que a fai cando aínda é un novo estudante que está finalizando a súa formación no Hospital de Sainte Anne de París, dificilmente pode ser máis clara e ir máis dirixida á raíz do tema que nos ocupa: "[...] seguira tamén estudos de picopatoloxía. Unha pretendida disciplina, que non ensinaba gran cousa. Entón formuleime a seguinte pregunta: como un saber tan escaso pode arrastrar tanto poder?" (1975).

Foucault pregúntase por que a sociedade delega un poder tan grande nos profesionais da saúde mental, e cuestiónase se non será porque cumpren unha determinada función de control social ao servizo dos intereses do sistema, non tanto pola valía dos seus coñecementos científicos, que como sinalará nos seus traballos foron moi escasos nalgunhas etapas históricas, sen que isto fose minguando o máis mínimo o seu poder.

Para Foucault (1973, 2003) o diagnóstico psiquiátrico non é algo obxectivo, neutro, senón que se atopa vencellado ao que denominou "a biopolítica" (1979) que sería o intento por parte do poder de controlar a saúde, a hixiene, a alimentación, a sexualidade, a natalidade dado que constitúen temas políticos, fundamentalmente desde o século XVIII. Foucault introduce tamén (1966) o concepto de "episteme" que sería a estrutura de pensamento propia de cada época histórica. Así pois, a psiquiatría non é unha ciencia exacta, senón que se atopa condicionada pola episteme do momento histórico. De seu, tal como o demostra a psiquiatría transcultural, (que xa formulou con gran agudeza nos anos 50 Karen Horney), nin sequera temos aínda unha definición do que é saúde mental ou trastorno mental, porque depende do contexto social e cultural, obviamente ligados ás relacións de poder. 

Nun dos seus primeiros libros "Historia da loucura na época clásica" (1964) Foucault sinala que na Idade Media a Loucura foi considerada un misterio sagrado que formaba parte do vasto campo da experiencia humana. Así mesmo, no Renacemento foi vista como unha forma especial de razón de tipo irónico que mostraba o absurdo do mundo. A loucura era á vez tráxica e cómica. Esta imaxe cristaliza na nave dos tolos, un grupo de persoas que se atopaba fora da sociedade, pero que tamén eran considerados peregrinos na busca da razón e por extensión da razón do mundo, representando a conexión entre orde e caos. Como sinala Downing (2008), Foucault sostén que na Idade Media e o Renacemento, a loucura era vista como un fenómeno humano integral. A loucura opoñíase á razón, pero como un modo humano alternativo de existencia, non como un simple rexeitamento. Nesta liña vese o eloxio da loucura de Erasmus ou as traxedias de Shakespeare. Ata a ilustración a loucura era vista como un lugar imaxinario, un lugar de paso entre o mundo e o que hai detrás, entre a vida e a morte, entre o tanxíbel e o sagrado. 

Ao chegar a Idade Clásica (S. XVII e  XVIII)  ten lugar a gran mudanza, xa que a loucura convértese na senrazón, en algo ligado ao inhumano, no oposto ao racional na formulación cartesiana. Coa chegada da terapéutica moderna o tolo volve á sociedade pero se lle somete a unha terapia moral. Así Foucault critica a figura de Pinel, obxecto de gran admiración na historia da psiquiatría xa que liberou das súas cadeas aos alienados de Bicêtre en 1973 ou a figura de Samuel Tuke en Inglaterra que fundou un asilo cuáquero para alienados. Como sinala Downing (2008) para Foucault nin o un nin o outro eran propiamente filántropos, nin introduciron un xiro humanitario ao tratamento da loucura, tal como nos amosou a historia da psiquiatría. Así, considera que o tratamento de Tuke tiña en realidade unha forte compoñente de moral burguesa xa que o que buscaba era que a conduta do alienado non disturbara á moral da sociedade. Para Foucault, Tuke substitúe o terror da loucura pola anguria da moral burguesa. Como é sabido, Tuke organizaba "tea parties" onde ensinaba aos tolos a mostrárense de modo educado e de acordo ás normas sociais estabelecidas. Para Foucault en realidade Tuke non lles deixaba expresarse. Pola súa banda, en relación a Pinel, que non era relixioso, Foucault considera que o asilo no que se segue mantendo aos tolos e tamén un rexime de autoridade. O tolo está libre agora das súas cadeas, pero está preso da moral burguesa.

Tras todas estas mudanzas acontece outra de gran relevancia: ao final da Ilustración, o tolo convértese en "enfermo mental".  Pero a autoridade do médico non é científica, é a autoridade que lle confiere a sociedade. Deste modo, a utilización do termo enfermidade lexitima o traballo do médico. Como sinala Dawning (2008) para Foucault, xa desde a Ilustración, o novo espazo social da loucura converteuse en obxecto e saber. O personaxe do médico, o psiquiatra, o piscólogo, constiúese en suxeito de ese saber.

¿Pero, que vixencia ten a obra Michel Foucault no mundo profundamente globalizado de hoxe, na sociedade da información, nunha sociedade sometida á psiquiatrización do DSM? Novos autores, como o filósofo coreano- alemán Byung- Chul Ham, formulan que estamos pasando da sociedade disciplinaria á sociedade do rendemento (o paradigma do emprendedor, "yes, we can") e a sociedade da autoexplotación, unha sociedade na que están xurdindo novas formas de biopolítica. Estamos transitando da sociedade dos muros dos psiquiátricos e das prisións, á sociedade dos ximnasios e os centros comerciais, na que a depresión ocupa un espazo cada vez máis relevante. 

 

Joseba Achotegui

 

Sección: