Diario libertario de lugo e galaxia

A Audiencia Nacional pon en dúbida o carácter 'terrorista' de Resistencia Galega

08/02/2013
18:09

 

"Cómpre tomar en conta que non se lle atribúe persoalmente ningunha caste de acción violenta nin a directa posesión de ningún medio ou instrumento perigoso senón, en todo caso, a pertenza a unha organización presumibelmente terrorista". Este é, literalmente, o segundo dos fundamentos xurídicos en que a Sala do Penal da sección 2ª da Audiencia Nacional española baseou a posta en liberdade da presa independentista Maria Osório.

A defensa interesou a inmediata posta en liberdade da moza xa a finais de xullo de 2012 alegando que padecía un problema de saúde. O primeiro recurso foi presentado perante o xulgado de instrución nº6 da Audiencia Nacional española, ficando á fronte deste Eloy Velasco, quen denegou a suspensión da medida cautelar imposta ao considerar que en prisión pode tratarse calquera enfermidade, agás unha de carácter terminal.

A fiscalía alegou que concorría risco de fuga. Sobre Osório López pesa unha acusación de "pertenza a banda armada en grao de dirección", delito para o cal o código penal contempla unha pena de cárcere que podería chegar até os 12 ou 16 anos.

O avogado da defensa, Borxa Colmenero, presentou entón varias peticións reclamando que unha ou un médic@ privad@ entrase en prisión e verificase cal era a súa situación ou que o propio centro penitenciario facilitase informes ao respecto. Perante máis unha negativa, desta volta no mes de novembro, elevou un recurso á Sala do Penal, sección 2ª, da Audiencia Nacional.

"Ningunha acción violenta" nin a tenza directa "de ningún medio perigoso"

O auto ditado por este órgano, con data do 4 de febreiro de 2013, sinala que non existe risco de fuga ao non se lle imputar a Osório López "ningunha acción violenta" nin a posesión "de ningún medio ou instrumento perigoso", senón un delito xenérico de "pertenza" a Resistencia Galega, sen se pronunciar a respecto da finalidade "terrorista" que tanto o Ministerio de Interior como a imprensa veñen atribuíndo de maneira sistemática á mencionada organización, dando por probada a súa existencia e vulnerando a presunción de inocencia dos sete cidadáns galegos que fican presos sen seren xulgados.

Así as cousas, o auto da Sala reviste relevancia ao ser esta a instancia inmediatamente superior á que preside Eloy Velasco, cuxas investigacións, segundo ten denunciado Borxa Colmenero, "van orientadas a confirmar a existencia de Resistencia Galega". O documento, ao que Sermos Galiza tivo acceso parcialmente por conter dados referidos á saúde de Maria Osório, acrecenta que a posta en liberdade da independentista se determina ollando non só a imputación delitiva que sobre ela pesa, senón tamén elementos de arraigamento familiar e social. Por todo isto, valora como "desproporcionado e, por tanto, inxustificado" o mantemento "a ultranza" a medida cautelar que lle fora imposta hai xa máis dun ano.

"Por uns litros de gasolina na casa poderían deter moitos cidadáns desta provincia"

Prendida pola policía española o 3 de decembro de 2011 canda o seu compañeiro, Antom Santos, ficou desde aquela en prisión preventiva sen ser xulgada, sometida á dispersión en cárceres do Estado español e sob aplicación da lei antiterrorista. As mostras de solidariedade con amb@s @s dúas non deixaron de se suceder, pois eran moi coñecidos polo seu activismo político e social. Mesmo Manuel Martínez (PSdeG-PSOE), alcalde de Becerreá, a vila natal de Osório López, mostrouse moi taxativo ao coñecer a detención da becerrense e do seu compañeiro.

En declaracións ao xornal local El Progreso manifestou que "veremos o que hai, mais se é por ter uns litros de gasolina na casa, poderíase deter a moitos cidadáns desta provincia". Cómpre lembrar que na vivenda que Maria Osorio e Antom Santos partillaban en Lugo a policía dixo ter achado unha garrafa con oito litros de gasolina e "abundante literatura revolucionaria". Sen máis indicios coñecidos, prendéronos e encarceráronos baixo lexislación antiterrorista, acusándoos de estar a preparar "un atentado" para o 6 de decembro, día da Constitución española.

 

Fuente

Sección: