Diario libertario de lugo e galaxia

Aromas de Manu Chao en Ponferrada

17/06/2014
13:49

http://www.diarioliberdade.org/archivos/Colaboradores_avanzados/manu/2013-02/290812_m_osorio.jpgArgelino, Clandestino/ Nigeriano, Clandestino/ Boliviano, Clandestino .... a música e a letra desta  fresca cantiga de denuncia de Manu Chao veume enteira á cabeza despois de ler hai un momento nas edicións dixitais dos xornais a detención de Maria Osorio en Ponferrada. Lembrarán vostedes:

Solo voy con mi pena/Sola va mi condena/Correr es mi destino/Para burlar la ley

A lei que condena á clandestinidade a inmigrantes condenou a María Osorio a anos e anos de prisión, despois dunha farsa de xuízo no que a Audiencia Nacional decidiu que esta moza era unha terrorista.

Mano Negra, Ilegal

María estaba en liberdade provisoria sen fianza, e dixo hai uns días en acto público, a través dunha videoconferencia, que ela non pensaba petar na porta de ningunha prisión.

Mi vida va prohibida/Dice la autoridad

Hoxe, 15 de xuño, ou na noite de onte, non o sei certo, detivérona en Ponferrada.  É ben curioso que El Correo Gallego poña en titulares que o feito aconteceu en León. Supoño que na rúa do Preguntoiro de Compostela non teñen a obriga de saber que a Ponferrada do Bierzo fica a 45 minutos en coche do domicilio familiar de María Osorio en Becerreá, ou sexa case un cuarto de hora máis cerca que Compostela de Ferrol, a cidade onde foi fundado no ano 1878 este El Correo Gallego que hogano se vende, polo mesmo prezo, abrazado a El Mundo de Madrid,por obra e graza de subvencións autonómicas.

Non mirei só El Correo Gallego. Mirei outra prensa na internet, pois quería saber algo máis desta nova da detención, xa que o disco raiado que fala dun grupo que aterroriza Galiza (non é iso o que fan os grupos terroristas, causar terror?), que insiste na condena da Audiencia Nacional recollida nunha sentenza que atenta mesmo contra o sentido común, esa visión que narra sempre do mesmo xeito os feitos, que desde o ano 2011 se repite  até o engulo na xa coñecida como prensa do réxime, pois quería saber algo máis, porque desa visión unívoca debo confesar que estou absolutamente aborrecido. Farto.

A ver. Se deteñen por exemplo unha presunta parricida, ou un presunto corrupto político repartidor a eito de sobres con cartos entre os colegas do seu partido, pois os xornais din onde o pillaron, con quen ía naquel momento, que forzas de seguridade actuaban, quen pasaba por alí ...

Con quen iría logo María Osorio cando a detiveron a 45 minutos en coche do seu domicilio familiar?  E logo non se poderá saber se estaba soa ou quen a acompañaba?

Fantasma en la ciudad/Mi vida va prohibida/Dice la autoridad

Contáronme que no momento da súa detención a moza andaba pola rúa adiante acompañada dos seus pais. Supoño que este detalle non será de interese para a prensa do réxime, pois a súa única preocupación parece que é a de mal vestir de xornalismo as versións oficiais. Home, non, quen manda, manda (e subvenciona).

Mano negra, clandestina

Mano negra, ilegal

Xosé Luís Santos Cabanas, 15 de xuño de 2014

Sección: