Diario libertario de lugo e galaxia

22M: CNT en marcha, CNT en loita

19/03/2014
18:46

O 22 de marzo converxen en Madrid as Marchas da Dignidade. A CNT considera que hai motivos sobrados para invitar todos e todas a sumarse e participar nos distintos actos en torno ás marchas, así como a acudir a Madrid o sábado 22.

Levamos anos vendo como, mentres o paro e a pobreza non deixan de crecer, os distintos gobernos serven ás elites financeiras e patronais, a cuxo beneficio destinaron miles de millóns de euros, obtidos de desmontar servizos e prestacións públicas xa de por si moi precarios, nunha xigantesca operación de socialización das perdas e privatización dos beneficios. En resumo, agrédennos cunha política económica e social cada vez máis represiva e inxusta.

É hora de dicir basta. É hora de dar unha resposta contundente, unha resposta que para a CNT só pode vir da mobilización, na rúa, nos centros de traballo, nos barrios; dende a confrontación co poder e dende abaixo, apostando pola auto-organización dos traballadores e traballadoras.

As Marchas da Dignidade deben ser un paso máis, o máis masivo e contundente que sexamos capaces de construír, un paso ao que será necesario dar continuidade e onde os movementos sociais e o sindicalismo máis combativo deben tomar o protagonismo, avanzando cara á convocatoria dun folga xeneral con capacidade real de reverter en favor da clase traballadora as políticas que estamos a sufrir.

A CNT estará presente nesta mobilización. Estamos seguros de que entre todos seremos capaces de enviar unha clara mensaxe aos poderes económicos e políticos, así como ás cúpulas dos sindicatos oficiais. Esta mensaxe é que a paz social se rematou e que o espolio de dereitos e liberdades aos traballadores non lles sairá gratis. A loita está na rúa e esténdese. Esperamos que este día sirva para que a sociedade esperte, se sume á protesta e se organice.

Dito isto, dende a CNT queremos expoñer claramente que non compartimos nin apoiamos o claro carácter electoralista e de apoio á vía política que algúns actores do 22 M pretenden ofrecer á clase traballadora como vía de solución aos seus problemas. Rexeitamos que se pretendan aproveitar as enerxías e esperanzas de cambio e redirixir a loita das persoas á calexón sen saída do voto.

Nin a dignidade nin a liberdade serán negociadas por ningún novo líder xurdido das urnas do sistema. Debemos ser nós e nós sen delegar en ninguén os que acabemos conquistando novos e maiores dereitos. E para facelo non podemos apostar de novo polos medios do poder establecido, porque seremos traizoados como aconteceu historicamente. Só será posíbel emprender o camiño da dignidade cando o poder resida nas asembleas, afastadas do modelo político e sindical xerárquico, de eleccións e parlamentos, de liberados e comités.

Esta senda deixounos meridianamente claro que o capitalismo non admite máis capas de maquillaxe nin reformas e que a súa desaparición constitúe o único escenario razoábel. Debemos loitar por unha revolución social que sexa capaz de transformar dende os alicerces esta sociedade baseada na desigualdade, a única forma de reconquistar a nosa dignidade.

Vémonos na rúa o día 22, pero a loita debe continuar. Do 22 M, ao Primeiro de Maio, á folga xeral. Impulsemos un sindicalismo baseado na acción directa, o federalismo, a solidariedade e a autoxestión, unha ferramenta capaz de plantar cara ao capitalismo ata a transformación da sociedade: o anarcosindicalismo. A CNT pode ser a túa ferramenta de loita.

A loita está na rúa, o 22 M todos e todas a Madrid!

Dignidade, rebeldía e revolución social!

Secretariado Permanente do Comité Confederal de CNT-AIT

 

Sección: