Diario libertario de lugo e galaxia

1 de Maio en Lugo (ano 2014): Bloque crítico e identificacións policiais.

02/05/2014
15:00
Bloque crítico e identificacións policiais.
 
O noso 1º de Maio.
O seguinte texto pretende reproducir e comunicar unha realidade que lle tivo acontecido a un grupo de cidadáns na cidade de Lugo, nos previos ás manifestacións convocadas polos movementos sindicais para "festexar" o 1º de Maio.
Son as 11.20 hrs e un grupo de menos de vinte persoas estamos reunidas perante o edificio do concello, na Pz Maior. Rematamos de facer unha pancarta, identificarnos con cores amarelas (un chamamento que lanzamos para asistir ás manifestacións sindicais como "bloque crítico") e estamos a piques de nos dirixir ó punto de saída das devanditas manifestacións, a poucos metros de nós, na Rolda da Muralla. 
 
Dous coches policiais percorren a zona peonil ata que se achegan dous representantes da policía nacional.
Os axentes piden a identificación a tódalas persoas que rodean a pancarta, deitada no chan a piques de se dobrar para ser transportada, e ás que levan algún sinal amarelo. Así nolo fai saber un dos axentes, que esgrime á aparición na prensa dunha "convocatoria de contra-manifestación que se vai identificar con cores amarelas" e que non estaría autorizada. 
 
Entendemos polo tanto que a causa desta identificación é unha información dada na prensa. Dende o Movemento 15-M de Lugo queremos facer saber que en ningún momento foi feita convocatoria algunha de manifestación e que, o único obxectivo como cidadáns, era facer un chamamento á participación crítica nas manifestación sindicais legalmente convocadas, para o cal optabamos por nos identificar ca cor amarela. Resulta cando menos irónico que os medios de comunicación, da provincia, supoñemos, se fixeran eco deste chamamento a tal punto de publicalo nas súas edicións. Mágoa que noutras ocasións, en que si facemos un chamamento expreso á prensa para informar sobre actividades ou outros eventos, a repercusión sexa menos - pensamos. Malia todo, aínda ninguén de nós puido albiscar esta información en ningún xornal impreso ao que tiveramos acceso, polo que non podemos facer referencias directas ao publicado senón que as facemos á información que nos foi transmitida polos axentes.

 

 
Os presentes, con distintivos amarelos (para nos diferenciar dos vermellos sindicais) presentamos as nosas identificacións. Un dos axentes pide que as identificacións sexan entregadas e, a pesares das reticencias dalgún dos presentes (motivadas polas suposicións de que non é obrigatorio facer entrega dos documentos identificativos senón de mostralos, manténdoos na propia man), os axentes fan acopio das identificacións e proceden a "comprobar" que está todo "en orde". Igualmente nós tomamos nota dos datos identificativos dun dos axentes, que parece dirixir a acción e que pregunta polos organizadores. As persoas alí presentes respostamos sobre a ausencia de organizador algún, informamos sobre o erróneo dos datos que se nos di apareceron na prensa con respecto á convocatoria de ningunha contra-manifestación, e agardamos á devolución das identificacións para continualo camiño.
 
Mantéñense varias conversas mentres se agarda a dita comprobación, entre os presentes e un dos axentes, xerando a expectación entre viandantes . Tras uns vinte minutos de dilixencias por parte dos axentes, en posesión aínda dos documentos de identidade, o grupo de persoas que alí estabamos pedimos présa aos axentes, pechamos as conversas, recollemos os dni´s e nos diriximos á manifestación que está a piques de saír do edificio de sindicatos da Rolda da Muralla.
 
Facemos fincapé de novo na nosa sorpresa ao comprobar como axentes da policía nacional nos pediron a identificación en base a unha información que, de saír na prensa como se nos ten dito, é errónea ou está dun xeito confuso exposta, non tendo a súa orixe en ningunha das persoas alí presentes
 
Entendendo que a realidade perante a que se atoparon os axentes non podería en ningún caso ser considerada como ilegal, irrespectuosa ou perigosa para ninguén, razón pola cal a sorpresa é maior. Reiteramos o noso compromiso individual como cidadáns conscientes, así como o facemos como conxunto crítico e responsable, sempre respectuoso e ca vontade de se informar e informar das realidades que nos rodean.
 
Sección: